A CIG critica que o PP deposite nas mulleres a responsabilidade de frear o declive demográfico

O sindicato presenta alegacións á futura lei de impulso demográfico, na que ve só "declaracións de intencións" e medidas "de pouco calado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2020 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

A CIG acusou este luns o Partido Popular de "profundar na visión da muller como nai e coidadora" coa futura lei de impulso demográfico, que "en ningún momento" fala "de corresponsabilidade nin de coeducación para que os coidados sexan realmente cousa de todos e de todas".

Así cargou a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, contra este anteproxecto normativo que levará a Xunta ao Parlamento. "Véndese como unha lei pioneira, como unha oportunidade, unha solución para a cuestión demográfica pero que realmente non pasa de declaracións de intencións e con medidas de pouco calado", denunciou nunha rolda de prensa na que tamén participaron o secretario de Políticas Sociais, Antonio Mera, e o de Política Institucional, Miguel Malvido.

Así, Méndez considera que o anteproxecto "deposita sobre as mulleres a carga de ser as que teñan que frear o declive demográfico tendo fillos" e as únicas que poden beneficiarse da "conciliación".

Ademais, criticou que as axudas que se recollen para o acceso á educación dos nenos de cero a tres anos son "a demostración evidente" de que a Xunta "fai deixamento de funcións para favorecer a iniciativa privada". "Subvenciona prazas en escolas e gardarías privadas" mentres a creación de nova oferta pública "non é unha prioridade", lamentou.

Susana Méndez tamén cargou contra a "desvalorización" do traballo dos coidados que se evidencia, ao seu modo de ver, na normativa, posto que "recolle a figura do voluntariado" para a realización desta tarefa. Por iso, a organización reclama "revalorizar" o traballo e "profesionalizalo" para darlles unhas "condicións de xornada e salario mínimo que hoxe en día non teñen".

A todo iso suma a CIG as "mínimas" medidas concretas para paliar o descenso dos nacementos. "Ninguén decide ter fillos porque lle rebaixen as peaxes nas autoestradas nin porque lle poñan cambiadores en todos os baños", engadiu.

ALEGACIÓNS SECTORIAIS

Fronte a todo iso, a CIG xa presentou alegacións á normativa a través dos seus representantes no Consello Económico e Social (CES) e, tal e como avanzou o seu secretario de Política Institucional, presentarán outras alegacións sectoriais a través dos seus delegados na administración pública e na sanidade, entre outros.

Malvido centrou as súas críticas a esta lei na materia da emigración, xa que "non fai incidencia nas condicións económicas e sociais" que leva a mocidade a "buscarse a vida noutros lados". Segundo os seus números, as políticas do PP á fronte da Xunta, que deixan "sen emprego estable" a este sector da poboación, provocaron que desde 2010 os habitantes en Galicia entre os 29 e os 39 anos fosen diminuíndo "catro veces" máis rápido que a media estatal.

En canto á emigración, o secretario de Políticas Sociais da CIG, Antonio Mera, sinalou a "precaridad laboral" e os "baixos salarios" como principais causas que "expulsan a miles de persoas" da Comunidade e non pasou por alto que a lei "non recolle medidas específicas" para fixar poboación no rural.

PLAN DE POLÍTICA INDUSTRIAL

Ademais, Malvido reclamou un plan galego de política industrial, un sector que "baixou" o seu peso na economía mentres que o dos servizos "creceu". Para o desenvolvemento deste plan, insistiu na necesidade das medidas recollidas nunha iniciativa lexislativa popular (ILP) que xa presentou o sindicato no Parlamento autonómico pero que foi tombada cos votos do PPdeG, que a considerou "demagóxica".

Finalmente, a secretaria de Organización do sindicato nacionalista fixo referencia ao conflito do peche do paridoiro do Hospital de Verín, que precisamente reabre este luns, para evidenciar que "só con mobilización" se conseguen "frear as políticas regresivas e antinatalidade" da Xunta.

De esquerda a dereita: o secretario de Políticas Sociais da CIG, Antonio Mera; a secretaria de Organización, Susana Méndez; e o secretario de Política Institucional, Miguel Malvido.. CIG
De esquerda a dereita: o secretario de Políticas Sociais da CIG, Antonio Mera; a secretaria de Organización, Susana Méndez; e o secretario de Política Institucional, Miguel Malvido.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta