Por Galicia Confidencial | Verín | 05/02/2020 | Actualizada ás 22:35
Como é habitual no Entroido de Verín, as discotecas e pubs da comarca, contratan un show para as noites de Compadres e de Comadres, unha muller e un home, respectivamente. Este ano, "Toño" Fernández, coñecido como "Cesteiro", publicou na páxina de Facebook do seu local, o Pub Revólver, o cartel correspondente a este Xoves de Compadres (13 de febreiro). Aparecía a lema #NonSePecha e unha muller disfrazada de enfermeira, acompañado coa frase, "xa mandaron pediatra".
Ante esta situación, o Sindicato de Enfermaría -Satse- sinalou como incorrecta a publicidade que se estaba empregando e anunciou que se Toño Fernández non retira a publicidade e pide desculpas, remitirán unha denuncia ao Observatorio da Imaxe da Muller. O sindicato tacha o cartel de sexista e "critica que use un lema que teñen que levar por bandeira os veciños, traballadores e os sindicatos que tanto loitamos porque se reabrise o paritorio", di Pilar Oviedo, a secretaria provincial do sindicato Satse.
Ante esta situación, en cuestión de poucas horas, a "suposta" polémica saltou aos medios e percorreu numerosas redes sociais, ao que "Toño" Fernández reacciona con humor e considera que "quen toma o cartel como unha ofensa non entende a sátira e humor que caracterizan ao Entroido de Verín".
Como resposta, "Cesteiro" decidiu crear outro cartel, no que se observa a un home sen camiseta que ofrece curacións contra o mal sentido do humor. Con isto, o dono do Pub Revólver quere facer ver que en Verín o Entroido vivímolo con humor e que a idea non é cosificar nin burlar a figura da muller. "Cesteiro" tamén recalca que o #NonSePecha refírese a que o seu local non pechará, algo que estaba en dúbida meses atrás.
Xosé Luis Comenero de Diario do Támega
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.