Unanimidade do Parlamento en apoio á rebaixa do IVE dos produtos de hixiene feminina

Agora irá a pleno para o seu debate definitivo antes da súa remisión ao Congreso, aínda que a oposición prevé que saia adiante no PGE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2020 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou por unanimidade este venres o ditame da proposición de lei para solicitar que o Estado rebaixe a un tipo superreducido o IVE dos produtos de hixiene íntima feminina. Tras este paso na Comisión de Economía, agora deberá ir a pleno para o seu debate definitivo antes da súa remisión ao Congreso dos Deputados para a súa tramitación.

No debate incorporouse á proposición de lei unha proposta do BNG transaccionada co PP para evitar que as empresas do sector pacten prezos "de maneira encuberta" co fin de impedir unha rebaixa efectiva en beneficio das consumidoras --en produtos como compresas, tampóns, copas menstruais ou anticonceptivos femininos--.

En Marea foi o impulsor desta iniciativa, defendida no seu día pola deputada Paula Vázquez Verao, aínda que este venres o seu compañeiro de grupo Pancho Casal desculpou a súa ausencia da comisión debido a que "saía de contas" nesta xornada. Ademais, agradeceu as emendas que "melloran" o texto, así como o traballo dos letrados da Cámara.

Pola súa banda, a deputada do PPdeG Jackeline Fernández defendeu que o seu grupo foi "sempre" favorable a esta iniciativa, pois xa en 2016 instouse á Xunta a negociar co Estado esta baixada de prezos. Con todo, lamenta que non se tivo "resposta" desde entón por parte do Goberno central, nun descenso de prezos que defende se estenda a cueiros para bebés.

Á ESPERA DO PGE

A baixada do IVE a este tipo de produtos estaba incluída no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) acordado por PSOE e Unidas Podemos que finalmente non saíu adiante. Por iso, Julia Torregrosa (Común da Esquerda) espera que esta reclamación se inclúa nos orzamentos do Estado para este ano como unha "medida de xustiza de xénero".

Despois de apuntar que existe un "tabú social" sobre a menstruación, Torregrosa pediu á Administración autonómica que aposte polo "consumo responsable". Así, chamou ao fomento nos institutos da copa menstrual como medida ecolóxica e de menor gasto económico, pois estima que unha muller ten uns 450 períodos menstruales, co uso de 12.000 produtos de hixiene feminina na súa vida fértil.

Pola súa banda, Teresa Porritt (PSdeG) defendeu o descenso do IVE nesta materia como unha "cuestión de xustiza tributaria e igualdade", xa que "é posible unha fiscalidade con perspectiva de xénero". Remarca que esta medida estaba incluída no programa electoral do seu partido para as xerais e está recollida no acordo con Unidas Podemos.

Así mesmo, Noa Presas (BNG) reflexionou sobre que será "máis fácil" que esta petición "se acabe cumprindo" pola vía orzamentaria ou a través doutras propostas no Congreso no canto de con esta proposición de lei, xa que "por experiencia" a súa tramitación demórase no tempo.

Comisión de Economía
Comisión de Economía | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta