Por Galicia Confidencial | Ourense | 26/09/2012 | Actualizada ás 11:30
O concelleiro do BNG no Concello de Ourense Fernando Varela Parada foi detido este mércores no marco da 'Operación Pokémon', que investiga unha suposta trama de corrupción e subornos en adxudicacións públicas.
Na lexislatura anterior Fernando Varela, que permanece detido en dependencias policiais en Ourense, foi o concelleiro responsable de Tráfico e Policía Local, con competencias en materia de guindastre municipal e servizo da ORA.
Na corporación actual ten atribuídas competencias na área de deportes, vivenda pública, rehabilitación urbana, autorizacións de actividades deportivas, potestade sancionadora nas actividades referidas a estas materias, contratación e contratación e modificación de carácter menor de acordo co establecido no orzamento e as súas bases de execución.
O BNG, sen datos
Polo momento, o BNG non dispón de informacións sobre os casos nos que estaría implicado Varela e, agardarán a ter máis datos para tomar unha decisión que podería pasar pola demisión de Varela, posto que os nacionalistas abandonaron o goberno municipal tras a negativa de Francisco Rodríguez, tamén implicado nesta operación, a demitir.
"O BNG, e tal e como sempre practicou e defendeu, mesmo cando lle afecte a un membro da nosa organización, manterá a mesma liña de coherencia que vén practicando desde sempre: presunción de inocencia no ámbito persoal, e no ámbito político, de producirse unha imputación, defendemos o abandono das responsabilidades institucionais, e estamos seguros de que él mesmo tomaría esa decisión", apuntan nun comunicado.
Con todo, os nacionalistas aseguran manter "reservas sobre o procedemento xudicial (detención con incomunicación) por o considerar desproporcionado e pouco respeitoso cos dereitos das persoas".
Con esta detención xa son 16 as persoas detidas no marco deste operativo que afecta a cargos do PP, PSOE e BNG, ademais de a funcionarios, policías e empresarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.