Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2020 | Actualizada ás 18:12
O Entroido está á volta da esquina e Galicia prepárase dunha morea de maneiras diferentes para recibilo. O Concello de Vilaboa, coñecido polo seu emblemático Entroido de Cobres, decidiu, desta vez, botar a andar a campaña #Oentroidounsentimento para promocionar as súas festas.
O obxectivo é espandir a todo Vilaboa o orgullo de ter "un dos Entroidos máis espectaculares de Europa", reivindican dende a Concellería de Cultura. Segundo contan, o Entroido é "Tradición, Sentimento, Orgullo e Orixe". "Somos un pobo rico en folclore, ritos e tradicións e é necesario que todas nos sintamos orgullosas del".
Así pois, buscan que os balcóns e as fiestras das casas da vila se engalanen de lonas cos personaxes do Entroido. A veciñanza poderá facerse cunha delas, deseñada e pintada pola artista local Aitana Pintos, nas visitas que o Entroido ha de facer a cada parroquia do Concello. Polo de agora, poden recollerse no Alcouce e en Postemirón.
A programación nas parroquias de Cobres, San Adrián e Santa Cristina dará comezo o día 22 deste mesmo mes e culminará o martes de Entroido. Nese día, como broche final á festividade, o Concello celebrará xogos populares, bailes de madamas e galáns e un espectáculo de humor a cargo do predicador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.