Carmen Castresana, científica que asesora a Xunta, pasa ao equipo do ministro Pedro Duque

O Consello de Ministros aprobou este martes o seu nomeamento como directora xeral de Planificación da Investigación.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 11/02/2020 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros aprobou este martes o nomeamento da científica Carmen Castresana como directora xeral de Planificación da Investigación, dentro do organigrama do Ministerio de Ciencia e Innovación de Pedro Duque.

A científica Carmen Castresana, nova directora xeral de Planificación da Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación.
A científica Carmen Castresana, nova directora xeral de Planificación da Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación. | Fonte: Europa Press

Castresana foi recentemente nomeada membro do Comité Asesor Externo da Xunta de Galicia e do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) na Coruña.

Castresana é doutora en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid, e traballou no departamento de Bioloxía Celular da Universidade Rockefeller en Nova York (USA), na Universidade de Philadelphia (USA) e no departamento de Xenética da Universidade de Gante (Bélxica); incorporouse en 1991 ao Centro de Investigacións Biolóxicas (CIB) do CSIC como científica titular.

Tamén traballou no Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB) do CSIC, onde dirixiu o departamento de Xenética Molecular de Plantas e ocupou o posto de vicedirectora.

Carmen Castresana obtivo 27 proxectos de investigación, 6 deles europeos integrados por gran número de investigadores, sendo responsable da coordinación nun deles, e dirixiu 16 teses doutorais e o traballo de 20 investigadores post-doutorais.

Ademais, formou parte do Consello Científico Asesor da Rede de Biotecnoloxía Vexetal Europea (EPBN), da Xunta Directiva da Sociedade Española de Biotecnoloxía (SEBiot), da Xunta Directiva da Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular (SEBBM), do Comité Asesor do CSIC na área de Bioloxía Molecular e Biomedicina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta