A baixada da pobreza en Galicia, unha recuperación moi fráxil

A visita dun relator da ONU para coñecer cal é o estado de protección social en España, deixou ver carencias nalgúns puntos da cobertura social. As últimas estatísticas do INE falan dunha diminución en Galicia do número de persoas afectadas pola pobreza. O número total de persoas afectadas supera os 600.000 nas catro provincias.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A visita de Philip Alston, relator da ONU para a pobreza extrema e dereitos humanos, fixo unha análise que non deixa indiferente. As reaccións foron desde o apoio aos puntos relatados por Alston a quen critica un posicionamento e unha perspectiva persoais en vez de ser unha análise científica. O enviado das Nacións Unidas falaba de “dúas Españas” en canto distribución de riqueza. Non obstante, de cara ao máis perto de nós, cal é o mapa da pobreza en Galicia?

Persoa sen fogar.
Persoa sen fogar.

O ESTADO DAS COUSAS EN GALICIA

O número de galegos e galegas que estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social (taxa AROPE) era  de 622.294 persoas en 2018, dez mil persoas máis que en 2017. Este dato aparece no informe “Estado da pobreza en Galicia, 2019”. Este informe  forma parte do VIII Informe “El  Estado  de  la  Pobreza  en  España 2019” que  vén  de  presentar  a  Rede  Europea  de  Loita  contra a  Pobreza  e  a  Exclusión Social do Estado Español (EAPN-España), da que forma parte EAPN Galicia -Rede Europea Contra a Pobreza.

O aumento de persoas pobres en Galicia indica que os efectos da crise aínda se senten dentro da nosa sociedade, onde uns sectores se recuperaron mellor que outros, fenómeno que se repite en todo o Estado. Con todo, os estudos realizados polo Instituto Nacional de Estadística sinalan que, a pesar do aumento de persoas pobres en 2018, a nosa comunidade foi unha das cinco que reduciu a taxa AROPE por debaixo de cifras inferiores de cando comezara a crise. En 2008 a porcentaxe era do 25,1% e do 23% en 2018.

Por outra parte, os datos de pobreza severa (a renda é inferior ao 40%  da renda media) sinalan un número total de 128.000 persoas afectadas en Galicia, 4,8% da poboación, unha cifra aínda moi superior ao 3,4% antes da crise económica. En 2017 a porcentaxe era do 7,1% A media de ingresos mensuais en fogares afectados por esta condición é inferior aos 370€, algo menos de 4.500€ anuais para unha soa persoa. O escenario parece apuntar unha mellora que, segundo EAPN-Galicia , é moi fráxil e non resistiría unha nova recesión económica.

O número de mulleres rexistradas dentro dos índices de pobreza supera aos homes, mais en algúns parámetros só por décimas. Así, a taxa AROPE, en 2017 para mulleres galegas afectaba ao 20,5% do total da poboación feminina en Galicia. A mesma taxa para os homes ese mesmo ano era de 16.9%. En 2018 as cousas variaron notablemente, producíndose case unha equiparación, 18,9% para as mulleres e o 18,8% para os homes.

Esta tendencia de feminización da pobreza xa se apuntaba no Informe de Impacto de Xénero da Consellería de Facenda para os Orzamentos de 2019. Así, sinalábase que “As  mulleres  con  discapacidade,  estranxeiras  ou  maiores  de  45  anos  presentan  maiores dificultades de acceso ao emprego e condicións laborais máis precarias”. A pobreza entre mulleres só diminuía entre os rangos de idade de 0 a 15 anos e de 50 a 64 anos a taxa de risco de pobreza das mulleres é inferior á dos homes.

OS DATOS OFICIAIS

Desde a Consellería de Política Social, responden que as tendencias actuais sinalan importantes avances na loita contra a pobreza e a exclusión social. Mencionando ao INE, Política Social apunta a evolución da carencia material severa que “está no 1,6% (en Galicia) fronte ao 5,4% da media nacional”. Estes datos supoñen para o departamento que dirixe Fabiola García, un avance notorio en canto melloras para as perspectivas de futuro de moitas persoas. “Somos a segunda comunidade con menos cidadáns nesta situación e a única que rexistra catro anos consecutivos de baixada neste indicador”.

En referencia á poboación en risco de pobreza e/ou exclusión social (AROPE), Política Social sinala que a Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística, publicada en decembro de 2019 “revela que a taxa Arope baixou por terceiro ano consecutivo e se sitúa no 18,95%, que supón o mínimo da serie histórica”.  Por último, en referencia á cifra de fogares que chegan con algunha dificultade a fin de mes “tamén está nas cifras máis baixas desde que existen datos”, destacando que “desde o ano 2007 (en plena bonanza económica) os galegos conseguimos reducir esta taxa en 20 puntos”.

A visita do relator da ONU, para Política Social é vista con preocupación sobre algunhas das afirmacións que fixo Philip Alston. Segundo esta consellería, as palabras de Alston parecen responder máis a “percepcións persoais e posicionamentos políticos que a datos estatísticos e evidencias empíricas”. Sinala especialmente as referencias do relator sobre  que “hai lugares de España “con condicións moito peores que un campamento de refuxiados” ou que “as altas taxas de pobreza son deliberadas””. 

A pobreza en Galicia redúcese minimamente, mais os estudos dalgunhas ONG apuntan a fraxilidade desa reducción. Unha nova crise económica como a iniciada en 2008 afectaría moi negativamente aos pasos dados en positivo nos últimos anos. A visita dun relator da ONU que acaba sinalando que a recuperación só afectou aos sectores máis ricos da sociedade, non sentou ben a algúns e para outros o que fixo Alston “foi achegarse a xente pobre de verdade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

As estatísticas poden dicir misa... basta sair á rúa e abrir os ollos ! https://i.gal/gamela19 Como os pobres voten o 5 de abril igual algúns vanse tragar as estatísticas !!!