Ana Pontón afirma que o BNG é "garantía" de "cambio real"

Asegura que "superará todas as enquisas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2020 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A candidata á presidencia da Xunta do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, asegura que o seu partido "superará todas as enquisas" sobre as eleccións autonómicas, o próximo 5 de abril, cando a cidadanía galega decida co seu voto se opta pola "garantía" de "cambio real" que ofrece a nacionalista.

O BNG e o seu líder, Ana Pontón, reunidas con colectivos e asociacións feministas
O BNG e o seu líder, Ana Pontón, reunidas con colectivos e asociacións feministas | Fonte: Europa Press

"A mellor enquisa verase o cinco de abril nas urnas", dixo en alusión a algunhas enquisas que apuntan a un ascenso do BNG. Esta "tendencia á alza" tamén foi apuntada por Pontón, xa que ao seu xuízo "está nas rúas e vese nas enquisas" que o Bloque "é a garantía do cambio real", "unha forza que despunta con moito impulso", aínda que toma "con precaución" calquera sondaxe.

O BNG, UNHA "REFERENCIA"

Non dubida en afirmar que "hai moitos cidadáns e cidadás" que a día de hoxe ven ao Bloque como unha "referencia" por ser "unha forza política seria, cohesionada, cunha traxectoria importante na defensa de Galicia, capacidade de traballo e de transformación".

Por este motivo, na carreira electoral seguirán "traballando" con "humildade e entusiasmo" para seguir "sumando" apoios e conseguir un "proxecto ambicioso, de futuro" e con "política seria".

O obxectivo é "saír a gañar" o próximo cinco de abril, pero fixo fincapé na idea de que o que se disputará nesa xornada será "a Xunta a Feijóo", pero ao ser preguntada por se esa cita tamén supón un combate polo segundo posto contra o PSOE, opina que o que se xoga é "a confianza dos galegos".

GOBERNO "EN CLAVE FEMINISTA"

Por outra banda, a líder nacionalista quere gañarse esa confianza trasladando cuestións como "a loita contra a violencia de xénero" a un "primeiro plano" e situando as "políticas de igualdade no centro de actuación" do Goberno galego.

No marco dunha mesa de traballo, que este sábado reuniu a asociacións, colectivos e ao Bloque en Santiago para abordar as necesidades do feminismo, Ana Pontón lembrou que "o cambio" o 5 de abril "ten que darse en clave feminista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta