A Policía de Vilanova de Arousa, primeira en dar o paso cara aos coches eléctricos

Rueda avanza que na próxima renovación do parque móbil da Xunta teranse "moi en conta" as opcións "mediante enerxías limpas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2020 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Vilanova de Arousa converteuse no primeiro concello de Galicia en dotar a súa Policía Local dun coche 100% eléctrico. Aínda que xa leva uns días en servizo, o vehículo foi presentado este luns nun acto ao que acudiron o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o alcalde desta localidade arousá, Gonzalo Durán.

O rexedor vilanovés sinalou que, segundo os cálculos realizados por parte do Concello, a utilización deste coche por parte da Policía Local evitará a emisión de 500.000 quilos de CO2 por cada 5.000 quilómetros.

O xefe da Policía Local de Vilanova de Arousa, José Luís Maquieira, recoñeceu que, a pesar das reticencias que tivo nun primeiro momento cara a este tipo de vehículos, "a experiencia destes primeiros días foi marabillosa".

Maquieira destacou que o coche non contamina, non emite ningún tipo de fume, non fai ruído e non mancha, como ocorre cos de gasoil. "É chegar, enchufarlo e en 4 ou 5 horas está cargado. Tes autonomía para 270 quilómetros, dabondo para o día", sostivo.

O alcalde de Vilanova adiantou que este ano o Concello tamén adquirirá outro vehículo 100% eléctrico, que nese caso será unha furgoneta para o servizo municipal de Obras. "Todo o parque móbil que vaiamos substituíndo, incluso as motos, renovarémolo con vehículos eléctricos", sinalou o rexedor, "xa que Galicia é un sitio privilexiado que conta cun 70% de produción eléctrica mediante renovables".

RENOVACIÓN DO PARQUE MÓBIL DA XUNTA

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou ao Concello de Vilanova por ser o primeiro en dar este paso. "Un paso importante", engadiu, "oxalá renda o exemplo", apostilou.

Rueda destacou que as administracións públicas teñen que ser as primeiras en dar exemplo coa utilización de enerxías limpas. Neste sentido, adiantou que "o Goberno galego está a pensar dar tamén ese paso" e que "na próxima renovación do parque móbil da Xunta se terán moi en conta as opcións de desprazamento mediante enerxías limpas".

Ademais, o vicepresidente lembrou que, con este mesmo obxectivo de respecto ao medio ambiente, tanto no edifico administrativo de San Caetano, en Santiago, como en moitos xulgados da comunidade autónoma se cambiou o sistema de calefacción por un de biomasa. "Que ademais é unha industria que en Galicia xera riqueza e postos de traballo", engadiu.

Así mesmo, sinalou Alfonso Rueda que en cuestións de sustentabilidade "hai que empezar a cambiar moitos hábitos que están equivocados". "Somos conscientes de que é moi difícil pedirlle aos demais que o fagan se non o facemos nós. Así que desde a Xunta xa o estamos facendo e farémolo moito máis. E no parque móbil, por suposto, tamén", concluíu.

A Policía Local de Vilanova de Arousa convértese na primeira de Galicia en contar cun coche 100% eléctrico.
A Policía Local de Vilanova de Arousa convértese na primeira de Galicia en contar cun coche 100% eléctrico. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta