O Sergas asegura que a dotación de persoal das ambulancias se axusta á normativa

A CIG denunciou que o Sergas pretendía que as dotacións de ambulancias de emerxencia puidesen actuar "unicamente co persoal condutor, sen ningún técnico".

Por E.P. | VIGO | 21/02/2020 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) asegurou que a dotación de persoal e do equipamento sanitario das ambulancias de urxencia se axusta á normativa autonómica vixente, así como que estes vehículos dispoñen das características técnicas esixidas.

Así se pronunciou despois que a Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciase que o Sergas pretendía que as dotacións de ambulancias de emerxencia puidesen actuar "unicamente co persoal condutor, sen ningún técnico", ademais de que os vehículos do servizo programado se puidesen substituír por taxis.

A ese respecto, o servizo galego de saúde asegurou o cumprimento da normativa, que establece que as ambulancias convencionais e de transporte de colectivo deberán dispor dun condutor e, "cando o tipo de servizo o requira", doutra persoa "en funcións de axudante".

O decreto polo que se regula o transporte sanitario de Galicia tamén apunta que as ambulancias de soporte vital básico deberán contar cun condutor e un axudante, así como que as de soporte vital avanzado deberán estar constituídas por un condutor, un enfermeiro e, "cando a asistencia a prestar o requira", un médico.

Así mesmo, o Sergas apuntou que as ambulancias que prestan servizos do 061 "están dotadas dun desfibrilador externo semiautomático (DESA)", así como que o seu persoal dispón da formación e a titulación esixidas segundo a normativa vixente.

Ambulancia. FEGAM
Ambulancia. FEGAM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta