Por que morreron os lobos no Barbanza?

Hai meses que varios lobos e lobicáns apareceron mortos na serra do Barbanza. Agora, un empresario austriaco, coa axuda da Xunta, fíxose con 2 millóns de metros cadrados na zona para poñer en marcha unha empresa de "gandería ecolóxica".

Por Galicia Confidencial | Barbanza | 11/10/2012 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

Até hai uns meses a Serra do Barbanza presumía de albergar unha auténtica xoia natural, unha pequena poboación de lobos ibéricos, probablemente a máis occidental de Europa, que a Xunta de Galicia estimaba, en 2010, nuns 20 exemplares.

Lobo morto con lazo no Barbanza
Lobo morto con lazo no Barbanza | Fonte: Axena

Por desgraza xa non é así, despois dunha campaña de cazarías emprendida por gandeiros e cazadores, todo iso co visto e prace e autorización da Xunta de Galicia, cuxos medios persoais e técnicos, lonxe de servir para protexer aos animais, serviron para conducir aos cazadores ás mandas, posiblemente, o último lobo ibérico do Barbanza agora sexa historia.

Todo comezou no verán de 2011, cando gandeiros e comuneiros do concello de Porto do Son protestaron por uns ataques, supostamente cometidos por lobos, a reses que se atopaban, no seu maior parte, sen unhas mínimas condicións de protección, e obtiveron permiso da Xunta de Galicia para facer cazarías. Realizáronse varias batidas no mes de xullo nos montes de Baroña e arredores nos que mesmo mataron cachorros con dentes de leite. Un adulto tamén foi decapitado e a súa cabeza levárona de trofeo.

Máis cacerías

En setembro fixeron esperas para matar máis lobos, a persecución ao cánido parecía non ter fin. En decembro de 2011, grupos de gandeiros, aos que se sumaron agrupacións do concello de Boiro, pedían á Xunta permiso para facer máis batidas, segundo eles, "era necesario reducir a cabana de lobos".

Volver autorizar batidas xustificandoas en ataques ao gando non era cómodo para a Xunta de Galicia. As organizacións ecoloxistas lembrabanlle á administración autonómica que o exterminio dos lobos non é a solución. O que debían facer os gandeiros era coidar as súas reses, sobre todo nos primeiros meses de vida, e non deixalas totalmente desamparadas no monte.

Pero a Xunta de Galicia atopou nunha suposta existencia de híbridos (cruzamento de lobo e can), unha nova coartada para continuar coas matanzas de cánidos nos montes do Barbanza. Aprobou un plan, que se puxo en marcha en marzo de 2012, no que encargaba aos cazadores do lugar o exterminio da suposta poboación de híbridos. Segundo eles, non o facían para liquidar aos lobos, senón para protexer "a pureza da especie". 

Xustificación da Xunta

A Xunta de Galicia xustificou este plan de aniquilación nun estudo publicado na revista Molecular Ecology sobre os híbridos entre cans e lobos do noroeste peninsular no que participaría Carlos Muñoz, xefe do Servizo de Conservación dá Natureza da Xunta de Galicia. Con todo, nin Carlos Muñoz participara nese estudo nin existía ningún dato de hibridaciones no Barbanza, como posteriormente declarou a súa principal autora Raquel Godinho do instituto portugués no Porto, o CBIO/CMT.

Por suposto, os responsables da Xunta non explicaron como farían estes cazadores para distinguir, no medio dunha batida ou unha espera, a un lobo dun suposto híbrido, tendo en conta que mesmo os expertos necesitan análises xenéticas para facelo. Así mesmo o Director Xeral de Conservación da Natureza Ricardo García-Borregón recoñeceu que técnicamente era posible capturar vivos aos animais, pero preferían deixar o asunto en mans dos cazadores. 

Protestas

Houbo unha gran contestación social por estas matanzas. As protestas ocuparon multitude de titulares en prensa, radio e televisión. Organizouse unha manifestación en Ribeira para pedir á Xunta que dese marcha atrás. Nun intento desesperado por salvar aos últimos lobos ibéricos do Barbanza,  33 asociacións ecoloxistas e animalistas de Galicia presentaron un escrito, ante a Consellería de Medio Ambiente, solicitando o cesamento das cazarías. Foi inútil. A sorte dos animais estaba botada.

Ao mesmo tempo que os cazadores saían ao monte coas súas escopetas a executar a sentenza de morte autorizada pola Xunta, empezaron a aparecer lobos ibéricos e outros cánidos mortos, uns en lazos colocados en peches de leiras de gando mostrenco e outro exemplar de lobo morto nun camiño próximo.

Un dos maiores expertos de lobos de España, Felipe Bárcena, indignado por este exterminio, legal e ilegal, declarou en maio de 2012, "No Barbanza hai intereses que ninguén quere explicar. No Barbanza quérese impor a proliferación de gando ovino. Por iso, as autoridades, ou quen sexa, terían que ser moito máis claras para evitar sospeitas".

E aparece a Xunta

Pouco despois destas palabras de Felipe Bárcena, nas dependencias da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o 1 de xuño de 2012, asinábase un acordo de cesión de 200 hectáreas de terreo da Comunidade de Montes de Baroña (que solicitaran batidas contra os lobos) ao empresario austríaco Andreas Rohregger para a cría ecolóxica de gando ovino, vacún, porcino e avícola.

En xullo de 2012 este cidadán austríaco constituía, cun capital social de 3.006 euros, a empresa Gandaría Terra Celta SL para a cría de gando neses 2.000.000 de metros cadrados cedidos pola Comunidade de Montes de Baroña.

Agora, moi preto de onde fixeron batidas para matar os lobos, colocaron carteis coa lenda:  "Terra Celta, Gandería ecolóxica".

Nova da asociación colaboradora Axena.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 tin

despois imos os progres pedindo os productos ecoloxicos. O desenvolvemento sostible é unha farsa o inimigo o capital

1 quecido

Agora quedan máis claros os por qué un monumento de primeira, prehistórico, como o do monte da Gorita está abandonado i esquecido, acadando maior importancia se cabe (Xosé Lois Vilar, arqueólogo,dixit)que o mesmo castro. Ben semella que a deixadez dos valores con que contan en Baroña, anda da man de xentes desaforadas de beneficios contantes. Mal camiño: congostra sen saída .