"Esta opción non está dispoñible". O teléfono de información sobre coronavirus da Xunta colapsa

O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, indica que "neste momento se triplicaron as chamadas" e que traballan para incrementar o persoal de atención.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2020 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

"Esta opción non está dispoñible". O teléfono implementado pola Xunta de Galicia de maneira gratuíta para informar ao redor do novo coronavirus - 900 400 116 - está a dar problemas nas últimas horas. 

Teléfonos de atención do coronavirus en Galicia
Teléfonos de atención do coronavirus en Galicia

Tanto o Centro de Saúde de Cartelle, como unha persoa posiblemente afectada en Vigo, e tamén o propio candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino -en corentena tras o positivo de Irene Montero-, confirmaron a Galicia Confidencial que ao intentar contactar con profesionais a través deste número de teléfono, non foron capaces de obter resposta.

Desde a Consellería de Sanidade confirman que a liña telefónica se atopa colapsada, a pesar de que este mesmo xoves informaron de que se estaba a reforzar o servizo con máis postos de persoal para "canalizar mellor a demanda". Tomaron esta decisión despois de recibir críticas de usuarios que non podían contactar ao non ter sinal, mais o problema, aínda agora, non se solucionou. Tamén dende o 061 recoñecen que a "situación extraordinaria" que estes días se vive "pode causar sobrecargas" nas liñas telefónicas.

O propio conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, indicou respecto destas críticas que "neste momento se triplicaron as chamadas do día da gripe cando houbo máis". No entanto, insistiu na posta en marcha de medidas de aumento de persoal e do espazo central da Estrada. "E seguirase incrementando", sentenciou o conselleiro, quen, ante calquera dúbida, instou a consultar a páxina web da Consellería.

5.392 CHAMADAS

Sanidade puxo este teléfono a disposición da cidadanía o pasado 3 de marzo en substitución do número anterior de pago 902 400 116cuestión que tamén suscitou críticas entre as persoas usuarias. A Consellería de Sanidade fai agora un chamamento á cidadanía galega para que utilice de forma responsable o teléfono gratuíto 900 400 116 como número exclusivo de atención a todas as consultas relacionadas co coronavirus. Isto inclúe tanto as solicitudes de información como as consultas daquelas persoas que teñan síntomas leves de coronavirus e que estivesen nunha zona de risco ou tivesen contacto estreito cunha persoa que dese positivo.

Segundo detalla, o día 11, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xestiona ambos os números de teléfono, atendeu 5.392 chamadas de demanda sanitaria procedentes do 061 e do 900 400 116. Trátase do número máis alto de chamadas atendidas desde a creación da Central de Coordinación no ano 1995.

REFORZO TÉCNICO E PERSOAL

O departamento autonómico destacou que está a reforzar de forma inmediata e progresiva o número de liñas telefónicas destinadas ao 900 400 116, que pasou das 40 ás 100. Así mesmo, na Central de Coordinación, que ao comezo da semana xa aumentou o persoal de operación telefónica en tres operadores por quenda, engadirá outros catro novos teleoperadores por quenda de forma inmediata, pasando de nove a 16. Tamén incrementou o número de médicos, que pasaron de sete a 10, e de enfermeiros, dun a catro.

Cando un cidadán chame ao 900 400 116 será atendido por persoal teleoperador, que lle realizará un interrogatorio telefónico para establecer a prioridade da chamada. No caso de que non presente síntomas de coronavirus, o teleoperador derivará o usuario a unha locución informativa con recomendacións para evitar o contaxio. No caso de consideralo necesario, o usuario será atendido por persoal médico ou enfermeiro, que lle dará instrucións sobre como actuar.

Deste xeito, o 061 manterase como o teléfono exclusivo para a atención ás urxencias sanitarias de Galicia. Calquera persoa que se atope nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria deberá chamar ao 061, onde será atendido por persoal médico e enfermeiro especialista en atención a este tipo de situacións.

TAXAS MÁIS BAIXAS DE AFECTADOS

Sanidade lembra que, a día de hoxe, Galicia conta cunha das taxas máis baixas de persoas infectadas polo coronavirus a nivel estatal e reitera, unha vez máis ,que o novo virus se transmite principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias. "Na maioría dos casos, a infección por este virus é similar a un arrefriado común", sinala Sanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta