Denuncian que hai 4 técnicos de ambulancias en corentena por non levar material protector

Urxencias Sanitarias-061 alega que son as empresas adxudicatarias as "responsables de fornecer" os equipos. Un protocolo da Xunta recomendaba só que un dos técnicos levara traxe de protección.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2020 | Actualizada ás 20:47

Comparte esta noticia

A FGAMT-CIG denuncia que hai catro traballadores das ambulancias de Urxencias Sanitarias-061, dúas da área sanitaria de Santiago e outros dous da de Barbanza, que están en corentena despois de trasladar nestes vehículos a pacientes "que finalmente deron positivo" en coronavirus COVID-19.

A través dun comunicado, a central nacionalista asegura que esta situación se debe ao "escaso número" de equipos de protección individual (EPI), o que ademais converte ás ambulancias destas dúas zonas "nun foco de infección".

A CIG explica que, debido a esta "falta" de material, só se usan os EPI "cando desde o propio 061 se informa da sospeita ou confirmación" de coronavirus, o cal "non ocorreu" nestes dous casos que finalmente foron positivos.

Ademais, o sindicato apunta que, tras estes dous servizos, os vehículos "seguiron traballando o resto da xornada". "Estas traballadoras marcharon aos seus domicilios coas súas familias e só horas despois foron informadas os positivos detectados", engade.

As ADXUDICATARIAS, "RESPONSABLES"

Pola súa banda, fontes de Urxencias Sanitarias-061 consultadas por Europa Press alegan que as "responsables de fornecer" os equipos de protección individual aos empregados son as empresas adxudicatarias do actual concurso de transporte sanitario terrestre.

Así mesmo, estas mesmas fontes insisten en que desde a Central de Coordinación do 061 "infórmase os traballadores" e "refórzase" a indicación de uso de protección se un paciente que vai ser trasladado en ambulancia "cumpre cos criterios" de ser un posible caso de coronavirus.

Por tanto, Urxencias Sanitarias considera que "a exposición accidental" ao COVID-19 dos empregados da concesionaria do transporte sanitario urxente trátase de "un incidente illado". Finalmente, o 061 valora que "todas as empresas" que prestan servizo para a rede de ambulancias "reciben diariamente información actualizada" sobre a pandemia do novo coronavirus para "garantir a menor exposición posible" dos profesionais.

Personal de ambulancia con traxe de proteción contra o coronavirus
Personal de ambulancia con traxe de proteción contra o coronavirus | Fonte: @miguelnuñez

PROTOCOLO

Tal e como publicou Galicia Confidencial, estas empresas recibiron un protocolo no que se recomenda que só un dos dous técnicos das ambulancias de asistencia vital leven roupa de protección xa que recoñecen a falta deste material.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Protocolos ERRÓNEOS e falta de medios... Están a requisar máquinas PCR dos Centros de Investigación e Universidades galegas.... ¿a ónde as van mandar? A Madrid ? https://twitter.com/00Gamela/status...