Galegos ofrecen ao Goberno unha solución para coñecer os datos reais da pandemia en España e controlar os desprazamentos

Juan Carlos Pérez, David Ferraz e Gabriel Vázquez –socios fundadores da empresa norueguesa VPF Scandinavia AS– propuxeron ao alcalde de San Xoán de Río unha solución informática que posterioremente foi trasladada á Deputación de Ourense, a Xunta e, finalmente, ao Ministerio do Interior. Con ela pretenden obter o mapa real da situación de toda a poboación en España.

Por Alberto Quian | Madrid | 24/03/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un dos principais problemas para combater a COVID-19 é que se descoñece o número real de contaxios. Saber quen e cantos son os infectados é fundamental para, por un lado, coñecer a taxa real de letalidade do coronavirus e, por outro, adoptar as medidas individuais e colectivas necesarias que eviten unha maior propagación do virus, xa que ser calcula que unha importante porcentaxe de infectados descoñece que ten o virus. Asociado a isto, controlar a mobilidade de persoas é fundamental para non espallalo aínda máis. Ante a urxente necesidade de ter un censo real –ou cando menos o máis aproximado posible ao real– de casos e de establecer medidas efectiva de control dos desprazamentos, tres galegos presentaron ao Goberno español unha solución informática para coñecer os datos reais da pandemia en todo o Estado.

Captura dunha simulación de como sería a solución web deseñada polos socios fundadores galegos de VPF Scandinavia AS para o sitio web do Ministerio do Interior para coñecer a situación real da pandemia da COVID-19 en España e controlar os desprazamentos dos cidadáns.
Captura dunha simulación de como sería a solución web deseñada polos socios fundadores galegos de VPF Scandinavia AS para o sitio web do Ministerio do Interior para coñecer a situación real da pandemia da COVID-19 en España e controlar os desprazamentos dos cidadáns.

A solución tecnolóxica –soará paradoxal– xurdiu no rural galego, en San Xoán de Río, un pequeno concello da comarca da Terra de Trives (Ourense) con apenas medio milleiro de habitantes. Alí pasa o confinamento Juan Carlos Pérez, un dos tres socios galegos fundadores da empresa norueguesa VPF Scandinavia AS, centrada no desenvolvemento de solucións de software multiplataforma.

Juan Carlos volveu a San Xoán de Río para estar cos seus pais nestes difíciles momentos. E foi alí, na tensa calma que se vive no rural galego –onde a pandemia aínda non golpeou coa virulencia que o fixo nas urbes–, onde atopou a inspiración: unha solución DNI de xestión de saídas e autodiagnóstico cidadán.

O proxecto foi enviado o pasado ventes ao Goberno central; agora tanto os seus autores como o propio alcalde de San Xoán de Río que o apoiou agardan unha resposta dos ministerios de Interior e Sanidade

En que consiste isto? Basicamente, nunha solución informática con dúas vías: por un lado, un sinxelo formulario co que os cidadáns poden facer un autodiagnóstico do seu estado de saúde e coñecer se poden ser portadores do virus; por outro, un rexistro obrigatorio individual de cada saída que se faga do fogar para actividades básicas permitidas polo decreto do estado de alarma (desprazamentos para ir a traballar e retornar ao lugar de residencia habitual, mercar alimentos ou medicamentos, acudir a hospitais ou coidar a anciáns ou persoas dependentes, desprazarse a entidades financeiras ou pasear o can só no caso de ser o propietario do mesmo). E todo isto, mediante un rexistro co DNI, asegurando a protección dos datos.

Juan Carlos Pérez, socio fundador de VPF Scandinavia AS, pasando a corentena en San Xoán de Río
Juan Carlos Pérez, socio fundador de VPF Scandinavia AS, pasando a corentena en San Xoán de Río | Fonte: Cedida.

Tras darlle voltas a esta idea, Juan Carlos Pérez trasladoulla aos seus socios David Ferraz e Gabriel Vázquez, que permanecen en Noruega. Unha vez definida, trasladáronlla ao alcalde do San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, coa idea de implementala a nivel municipal; de aí pasou aos presidentes da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o pasado venres foi remitida á Delegación do Goberno en Galicia para que lla traslade ao Goberno central, do que agora “agardamos unha resposta”, explica a GC o rexedor Pérez Blecua, que ademais de alcalde é enxeñeiro de telecomunicacións.

A diferenza do que acontece con outras solucións informáticas que se están aplicando en distintas comunidades autónomas, esta pretende dar cobertura a toda a poboación de España e sería cedida totalmente de balde á Administración central. “Non se lle cobraría nada. Esta é unha iniciativa sen ánimo de lucro, a diferenza doutras, nas que as empresas cobraron por desenvolver as aplicacións para as administración autónomicas”, explica o alcalde, que salienta, ademais, que así “se evitaría que os datos dos cidadáns estivesen en mans de terceiros, de empresas privadas”.

CENSO

A primeira solución é web. A idea é que o Ministerio de Interior implemente no seu sitio en Internet un sinxelo cuestionario de saúde asociado ao DNI de cada persoa, coas preguntas básicas dictadas polo Ministerio de Sanidade ou outras autoridades competentes para facer un diagnóstico sobre a COVID-19, ademais dos datos da residencia onde se está pasando o confinamento.

“O obxectivo é conseguir o censo real en 24 ou 48 horas, a maior mostra posible da situación da poboación española”

Cos resultados, explica Pérez Blecua, “obteríase rapidamente o primeiro mapa de toda España con posibles casos de contaxios”, engadidos aos diagnosticados oficialmente, obtendo un censo o máis achegado ao número real de contaxiados que é vital para frear a pandemia. “O obxectivo é conseguir ese censo real en 24 ou 48 horas, a maior mostra posible da situación da poboación española”, engade.

O alcalde pon un exemplo claro e sinxelo da utilidade desta solución tecnolóxica: “Imaxina que mediante este autodiagnóstico se detectan un ou varios posibles casos nun edificio de calquera cidade ou vila. Iso permitiría identificar un foco de contaxio, tomar inmediatamente as medidas preventivas necesarias para protexer o resto de veciños e atender eses casos detectados, empezando por facer a esa xente as probas de detección do coronavirus”.

“Sería algo semellante ao que se fai a través de Internet para a renovación do paro ou do DNI, a ITV, etcétera”, clarifica.

A idea, insiste o alcalde, “é ter en 24 ou 48 horas un mapa da situación real en toda España que permitiría diferenzar zonas concretas por códigos de cores que identificarían o estado das mesmas en base aos posibles casos positivos ou negativos: vermello, amarelo e verde". Isto permitiría ás autoridades sanitarias ser máis efectivas no control da pandemia e aplicar medidas axustadas a cada zona en función do seu grao de infectación.

CONTROL DE DESPRAZAMENTOS

A outra solución é unha aplicación para teléfonos móbiles. Tamén mediante o DNI, cada cidadán debería informar, a través desa app, de cada saída que faga do seu fogar, indicando o motivo (traballo, compras, paseo co can, etc.), a hora de saída, a dirección da súa residencia…

Coa app para as saídas do fogar, “ademais de facer máis efectivos os controis policiais, garántensen os dereitos dos cidadáns que necesitan saír”

Así, as autoridades terían acceso en tempo en real, a través da mesma aplicación, aos datos e isto facilitaría o labor de control dos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que poderían comprobar inmediatamente, solicitando o DNI, se a persoa ten xustificada a saída, o número de veces que saíu, se o tempo fóra do fogar corresponde co que se precisa para realizar a actividade ou se se atopa fóra da área na que debería estar.

Sería una sorte de salvoconduto para cada cidadán co que, “ademais de facer máis efectivos os controis policiais, garántensen os dereitos dos cidadáns que necesitan saír”, finaliza o alcalde de San Xoán de Río.

UNHA SOLUCIÓN PARA TODOS

Ante unha solución tecnolóxica deste tipo xorde a dúbida de se sería efectiva para a poboación que ou ben non ten coñecemento no uso destas ferramentas ou acceso a elas, desde a xente máis maior a persoas sen recursos. Ante isto, explica Xosé Miguel Pérez Blecua, ofrécese a posibilidade de que calquera achegado poida, co consentemento da persoa, introducir o seu DNI e cubrir os cuestionarios, pero tamén se lles ofrece a alternativa telefónica: mediante unha chamada ao seu Concello, a persoa podería tamén completar os cuestionarios.

>> Consulta o borrador do proxecto (pdf).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anónimo

A proposta do control dos desprazamentos mediante unha app pareceme terrible e agardo que non se chegue a implementar. Bastante control policial hai.