O edificio de Santiago que fala cada noite: "Feijóo, queda na casa" ou "Amancio Ortega me regaló un mechero"

As lendas que proxectan dende un piso do barrio de San Pedro tiran a dar. Algunhas son críticas acedas, outras van polo camiño do humor... mais todas elas teñen en común o punto de partida: a crise sanitaria por mor do coronavirus e todo o que iso provoca no día a día. Eis unha recompilación dalgunhas frases.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2020 | Actualizada ás 23:05

Comparte esta noticia

"Tendas pechando e o Corte Inglés abre os domingos"; "O noso corazón cos centros de maiores"; "Feijóo, queda na casa"; "Bugallo, vai ao (rima correspondente)"; "Amancio Ortega me regaló un mechero pero me robó los porros"; "A cona, Josito"; "A ver se nos están engordando para logo paparnos"; "El Correo Gallego, desta pecharás, non?"; "Se nos organizamos despois do confinamento follamos todes"...

Unha das proxeccións na fachada dun edificio de Santiago de Compostela
Unha das proxeccións na fachada dun edificio de Santiago de Compostela | Fonte: @escolaunitaria

Estas e un longo etcétera son as frases que dende hai uns cantos días poden verse reproducidas en grandes letras na fachada dun edificio do barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela.

Tiran a dar e ninguén se libra, nin políticos, nin empresarios, nin medios de comunicación... Chegada a noitiña, dende o edificio de enfrente comezan a proxectar en letras azuis unhas cantas frases, algunhas con fondo crítico, outras en ton humorístico, que xorden deste contexto de crise sanitaria e confinamento. Moitas delas teñen a autoría da escritora María Von Touceda, que argalla estes enunciados para reproducir na fachada. 

Os resultados finais vanse colgando aos poucos na conta de Instagram da asociación @escolaunitaria. Esta idea comezou o pasado domingo, 22 de marzo, cando proxectaron a primeira das imaxes, que se fixo viral en redes sociais en poucas horas. Nela lembrábanlle ao presidente da Xunta a importancia da sanidade pública: "Feijóo, 11 anos pechando hospitais, pechando camas e despedindo a médicos da pública que agora nos salvan a vida"

#OLAVECIÑAS

Da man desta iniciativa camiña tamén outra que xorde da reflexión ao redor do illamento e ausencia do contacto co entorno durante este tempo de confinamento. Dende a Escola Unitaria, xunto con outras cantas persoas, decidiron lanzar un convite á creación de tecido veciñal, para alimentar así o apoio mutuo e os coidados nos barrios. Deste xeito, a través do vehículo de expresión das videoproxeccións, animan as persoas a que usen este recurso co lema #olaveciñas sobre as fachadas dos edificios ou a que fagan suxerencias a través do correo olavecinhas@gmail.com.

Polo de agora, foron ben delas que se uniron á proposta...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta