Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2020 | Actualizada ás 16:13
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este martes que o recinto feiral de Expocoruña e o complexo deportivo do Multiusos do Sar, en Santiago, quedarán instalados en breve como hospitais de campaña. Así mesmo, non se descarta acondicionar para o mesmo fin o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).
Nunha comparecencia 'en liña', Feijóo, quen participou na pasada xornada no comité clínico activado na Comunidade con motivo da crise sanitaria do coronavirus, explicou que, tras as visitas e a planificación técnica, o obxectivo é que o hospital de reforzo que máis urxe quede instalado en Expocoruña "este fin de semana ou a principios da que vén"
Engadiu que o hospital de campaña para a capital galega tamén "ten prioridade", pero podería quedar listo un catro ou cinco días despois. Feijóo remarcou que se recorrerá a estes hospitais de campaña esgotados os recursos e as camas que poidan ofrecer tanto a sanidade pública como a privada.
Feijóo non descarta que tamén sexa necesario recorrer ao Ifevi de Vigo. En todo caso, puntualizou que, neste momento, considérase "suficiente" o aforamento do Hospital Álvaro Cunqueiro, con Povisa e co Hospital de Fátima, deixando o Meixoeiro para a atención a pacientes sen coronavirus. Tamén ve "suficientes", polo momento, os recursos do resto de áreas sanitarias.
As camas que se instalen nos hospitais de campaña destinaranse a hospitalización, pero non a unidades de coidados intensivos (UCI). E o obxectivo é que as distintas áreas sanitarias atendan "cos seus recursos" estas novas plantas habilitadas para atender a pacientes do COVID-19.
'NORA DE AMBULANCIAS'
Á marxe dos hospitais de campaña, tras a reunión cos expertos clínicos, Feijóo tamén informou da decisión de pór en marcha por parte do 061 unha 'nora de ambulancias', é dicir, un sistema de traslados específicos para os pacientes con coronavirus, no que se priorizarán os traslados entre estes novos hospitais.
Así mesmo, lembrou a decisión adoptada na pasada xornada de pór a disposición dos traballadores sanitarios unha serie de hoteis para quen o necesite. Unha opción, dixo, tanto para o que considere "máis prudente" ir a un hotel que á súa casa, como para quen necesiten "illamento preventivo" ou mesmo para facilitar as substitucións das quendas.
UCIS, NOS HOSPITAIS CONVENCIONAIS
Na quenda de preguntas, Feijóo facilitou algún detalle máis dos preparativos para pór en marcha os hospitais de campaña e explicou que os técnicos estiveron analizando as distintas posibilidades para planificar a distribución dunhas plantas nas que "diminuirá a privacidade" do pacientes pero, en consecuencia, tamén serán "moi accesibles".
Tanto no recinto feiral coruñés como no Multiusos compostelán, Feijóo explicou que só haberá camas de hospitalización para facer fronte ao coronavirus, pero as unidades de coidados intensivos (UCI) "quedan resgardadas dentro Dos hospitais tradicionais". Así o aconsellan a situación dos pacientes e a necesidade de "preservar toda a asepsia posible".
En canto ao persoal que atenderá ambos os hospitais de campaña, Feijóo indicou que o obxectivo que teñen as xerencias é que esas camas adicionais sexan atendidas "cos seus propios recursos". E é que, aínda que hai especialidades clínicas con "enorme presión asistencial", o "bloque cirúrxico ten menos actividade, polo que ese persoal pode ser reactivado e reorientado".
ANTES ACTIVARANSE AS CAMAS DA PRIVADA
O presidente galego garantiu que non se recorrerá aos hospitais de campañas "con camas inutilizadas na privada", pero defendeu que, en vista da situación que se espera nas próximas semanas, ten que "haber reservas de camas para todo abril". E é que, á marxe dos pacientes, lembrou que hai outras enfermidades e urxencias que deben ser atendidas de forma inescusable.
Así, detallou que o plan de continxencia deseñado polo comité clínico conta con catro fases e agora mesmo estase na segunda. "A partir da fase tres, todas as camas dos hospitais privados son activadas e, nos catro, entramos nos hospitais de campaña. Non imos despregar os hospitais de campaña antes dos recursos privados", garantiu.
Iso si, quedará a decisión de cada xerencia como se combinará o uso dos recursos públicos e privados. Por exemplo, indicou que algunha xerencia prefire que os hospitais privados se reserven para cirurxías e outras urxencias alleas ao coronavirus, mentres noutras áreas se aposta pola vía contraria e utilizarán camas de centros privados para pacientes con COVID-19. "Farano en función de como estean preparados os hospitais", explicou.
CRÍTICAS
Pola súa banda, O portavoz da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, ve "propaganda" no anuncio efectuado este martes polo presidente galego. "Constitúe un modelo importado de Madrid que está a derivar en grandes riscos para a saúde pública pola falta de garantías para o persoal sanitario e os pacientes", dixo.
"Antes de lanzarse a calquera aventura de hospitais de campaña ou sucedáneo ten que dar conta do grao de ocupación de todos os hospitais públicos e privados. Non pode haber camas libres nos hospitais e pacientes ingresados e durmindo en recintos feirais ou deportivos", aseverou Gómez-Reino , segundo recolle un comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.