As residencias son xa o principal foco de mortes en Galicia: suman o 25% dos falecidos

O número de mortos nestes centros ascende a 32, sendo Coruña, Santiago, Vigo e Cangas onde se concentran o maior número de falecidos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/04/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O último balance de mortos en Galicia é de 130 falecidos, deles 32 eran usuarios de centros e residencias de maiores, o que representa case un 25% do total. Unha porcentaxe que demostra que os protocolos dos propios centros, a maioría deles privados, e da propia Xunta, non funcionaron axeitadamente neste tipo de residencias, especialmente, nos primeiros momentos da difusión da pandemia. Dentro das propias residencias, fontes de Política Social elevan a 21 as persoas que faleceron, tres delas nas últimas 24 horas.

Desinfección nunha residencia de maiores por parte da Brilat. BRILAT
Desinfección nunha residencia de maiores por parte da Brilat. BRILAT

E este número, desafortunadamente, pode aumentar drasticamente nos vindeiros días, xa que hai 427 maiores contaxiados, algúns deles xa con “coidados paliativos”. Unha cifra que só representa o 9,77% do total de contaxiados en Galicia, pero que é de moi alto risco, de aí o importante número de persoas xa falecidas.

Os principais focos de mortos están nas residencias que DomusVI ten en Aldán (Cangas), Vigo e Santiago, así como a do Portazgo, na Coruña, con cinco, seis, sete e cinco mortos, respectivamente. En total, estes catro centros concentran xa máis do 70% das mortes.

O resto de mortos concéntranse no Fogar Res. Bellolar (Coruña) con dúas persoas falecidas, Castro Caldelas, cunha persoa morta, San Carlos (Celanova) con outra persoa falecida, en Nosa Señora da Esperanza de San Rosendo (Ourense) xa son tres persoas, na residencia Divino Maestro de San Rosendo (Ourense), hai outra e na DomusVi de Carballo, outra.

AUMENTAN OS CASOS POSITIVOS

O número de casos positivos segue crecendo cada día. Nas últimas 24 horas disparouse un 10,77% e elevou a cifra de usuarios ata os 427 (+34) e as de traballadores ata os 149 (+22).

Segundo a actualización diaria da Consellería de Política Social, desde este mércores rexistráronse 43 casos positivos entre persoas maiores, pero tamén nove persoas procedentes destes centros faleceron no hospital ou nas propias instalacións residenciais, polo que o balance deixa 34 diagnósticos activos, un 8,65% máis que o mércores.

Por outra banda, tamén aumentou o número de traballadores infectados nun 17,32% ata os 149, a maioría deles concéntranse en DomusVi Cangas (17), San Carlos de Celanova (18) e O Portazgo da Coruña (18).

POR RESIDENCIAS

Once novos casos apareceron entre os residentes da nosa Señora da Esperanza de Ourense (26), oito en DomusVi San Lázaro de Santiago (31), seis en Remanso Claudina-Somoza (6), catro en Concepción Arenal da Coruña (8), catro no CRAPD de Vigo (6) e tres na residencia de Vilaboa (3).

Ademais, un diagnóstico súmase aos xa rexistrados no Portazgo (39) e en Castro Caldelas (7). Outros centros contabilizan o seu primeiro caso, como son os de DomusVi Chantada, Residencia Virgen de la Luz de Monforte, Lecer Avoíños de Coles, DomusVi Pereiro en Pereiro de Aguiar e na residencia de Ramirás.

Noutros centros para a terceira idade baixaron o número de casos debido ao falecemento de varias persoas nas súas instalacións ou hospitais. Os datos de Política Social mostran que a DomusVi de Cangas mantén 104 casos activos (-4), Fogar Bellolar da Coruña conta con tres (-3), A nosa Señora de Fátima do Barco baixa a 12 (-1) e San Carlos de Celanova a 43 (-1).

427 MAIORES INFECTADOS

Á marxe dos cambios que se produciron nalgunhas residencias, hai outras que manteñen as cifras que presentaban o mércores. É o caso da DomusVi Barreiro (72), San Pedro de Crecente (17), Residencia Moledo (15), Divino Maestro de Ourense (7), DomusVi Matogrande da Coruña (7), Residencia de Maiores de Foz (3), DomusVi Monforte (2), Betania en Viveiro (2) e As Fragas de Pontedeume (2).

Á vez, na residencia de Arteixo, Nosa Señora do Carme (Fisterra), San José de Narón, Súa Casa en San Sadurniño, José Otero en Santiago, Galisenior en Ourense e A nosa Señora dá Asunción en Caldas de Reis manteñen un caso cada unha.

CASE 159 EMPREGADOS ENFERMOS

En canto aos traballadores, os novos 22 positivos elevan a 149 o número de infectados. Once apareceron na Residencia Moledo de Vigo (11), dúas en DomusVi Monforte (4) e dúas en San José de Ourense (3), un en Claudina-Somoza (3), outro en Concepción Arenal (1), outro en Melide (1), outro en Silleda (1), outro en DomusVi Chantada (1), outro en As Gandaras de Lugo (1) e outro en San Rafael de Mondoñedo (1).

O persoal afectado doutros puntos de Galicia mantense igual que o mércores: O Portazgo (18), Castro Caldelas (3), DomusVi Cangas (17), Betania (1), CRAPD Vigo (2), San Carlos de Celanova (18), San Pedro de Crecente (12), A nosa Señora de Fátima do Barco (4), DomusVi San Lázaro (11), DomusVi Barreiro (11), Foz (7), A nosa Señora da Esperanza (5) e, Nosa Señora do Carme (2) e en Cospeito (2).

Casos individuais tamén se rexistran en Fogar Bellolar, Os Gozos de Pereiro de Aguiar, San Simón de Teo, o Rocío F. San Rosendo (Vigo), A Porqueira, Burela, Castro de Rei, Alvetus (Avión) e A Milagrosa de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta