Mayka Cacheiro, presidenta das ANPAs da Costa da Morte: "Se ten custo para as familias, non é un ensino público nin gratuíto"

A presidenta da Federación Provincial de ANPAs da Coruña - Costa da Morte, Mayka Cacheiro, denuncia a suba desmesurada dos libros e materiais e alerta do desmantelamento do ensino público, sobre todo no rural. Ademais, reclama un consenso no tocante aos listados de material e critica unhas axudas "irrisorias" que non cobren nin ás familias máis vulnerables.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/09/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A volta ao cole nunca foi doada para as familias, pero este curso chega cun peso engadido: o das facturas cada vez máis elevadas que se acumulan en setembro. A compra de libros de texto e material escolar, que debería ser un trámite asumible nun sistema educativo público, convértese nunha carga que evidencia as fendas de desigualdade. En Galicia, mentres a Consellería de Educación insiste en que se trata dun ensino gratuíto, moitas familias denuncian que esa etiqueta non se corresponde coa realidade. A presidenta da Federación Provincial de ANPAs da Coruña - Costa da Morte, Mayka Cacheiro, coñece ben esta situación. A federación representa a 56 asociacións de nais e pais desde Fisterra ata Betanzos, pasando por Arteixo, Carballo ou Muxía. Dende esa atalaia, recibe queixas constantes sobre subas desmesuradas nos prezos e sobre as dificultades de conciliación que se multiplican no rural.

Libros de texto
Libros de texto | Fonte: Europa Press - Arquivo

Mayka fala con contundencia: "Non é un ensino público nin gratuíto o que temos, porque se o fose as familias non terían que asumir o custo do gasto en material escolar e moitos menos en libros de texto". E relata un exemplo que resume o problema á perfección: manuais de Primeiro ou Segundo de Primaria custan arredor de 35 ou 40 euros, practicamente o mesmo que un libro de Bacharelato. "É un disparate", subliña Mayka. Ademais, asegura que os listados pedindo material escolar tampouco axudan a solventar o problema: "Chegounos o caso dunha profesora de inglés que pedía rotuladores dunha marca concreta e ceras de 24 cores doutra, de maneira que os nenos levaban ceras diferentes a esa clase que ás outras, polo que moitas familias se preguntaban: non se pinta igual en inglés que noutra materia?". Para a presidenta da federación provincial falta consenso e sentido común á hora de esixir este tipo de materiais.

"É IMPOSIBLE QUE NINGUÉN QUEDE ATRÁS NUNHA AULA, PORQUE NON SE ESTÁN ATENDENDO AS NECESIDADES DO ALUMNADO MÁIS VULNERABLE NIN DO RESTO"

O elevado gasto engádese ao resto de necesidades que trae consigo o comezo dun novo curso, e as axudas públicas quedan moi lonxe de cubrir a necesidade real. "Son irrisorias e nin sequera cobren as necesidades das familias máis vulnerables, para canto máis das outras, que tamén deberían ter dereito a percibilas", critica, defendendo que "non debería haber diferenzas dentro dunha aula entre quen pode mercar os libros e quen non". Pero o problema non remata no material. Hai tamén outras demandas que chegan á Federación Provincial de ANPAs da Coruña - Costa da Morte estes días: os recortes en profesorado especialista, sobre todo PTs e ALs, que afectan directamente ao alumnado con necesidades educativas especiais, pero tamén ao conxunto da clase. "Moitas familias non entenden que se o meu fillo con TEA (trastorno do espectro autista) precisa dunha PT, esa profesional beneficia tamén ao seu fillo neurotípico, porque o profesor que haxa pode atender mellor a todo o grupo", explica Mayka.

A realidade, con todo, é outra: "Agora mesmo é imposible que ninguén quede atrás nunha aula, porque non se están atendendo as necesidades do alumnado máis vulnerable, nin tampouco as da outra parte do alumnado". Un titor ou titora non pode facerse cargo de 25 nenos de Primaria, cada un coas súas características, sen recursos de apoio. O mesmo acontece cos orientadores e coas orientadoras, que deberían diagnosticar e acompañar aos nenos con necesidades e aos nenos sen necesidades, pero que apenas dan abasto polas ratios elevadísimas e a carga burocrática. E pon como exemplo o seu propio caso: "O meu fillo coñeceu á orientadora do centro por primeira vez nunha charla en Cuarto da ESO, despois de ter pasado toda a etapa de Infantil, Primaria e Secundaria no mesmo centro", conta, con indignación nas súas palabras.

Unha moza estuda con libros de texto
Unha moza estuda con libros de texto | Fonte: Xunta.gal - Arquivo

"ESTAMOS ASISTINDO AO DESMANTELAMENTO DO ENSINO PÚBLICO NO RURAL, ONDE AS RATIOS, PRECISAMENTE POR SER O RURAL, SON BOÍSIMAS"

No rural, os problemas acentúanse. Alí onde non hai escola, morre tamén parte da vida da aldea. Peches de centros, agrupamentos, falta de transporte escolar ou comedores: todo contribúe ao "desmantelamento do ensino público" no rural. "E iso que as ratios, precisamente por estar falando do rural, son boísimas", recalca. Porén, a Consellería de Educación, tal e como critica, prefire desvincularse de servizos clave destes centros como son o transporte escolar e os comedores, que a presidenta da federación provincial reivindica como función educativa máis que conciliadora, aínda que tamén. Para Mayka, a solución a este deterioro pasa por unir forzas: "Se as familias están individualizadas, é moi fácil que lles tapen a boca, por iso é tan importante federarse e confederarse, para que ninguén quede atrás, para ir todos a unha". E o que pide non é unha quimera, senón un compromiso real coa educación como servizo público esencial, capaz de fixar poboación no rural e ofrecer igualdade de oportunidades a todos os nenos e nenas de Galicia.

Cadernos, archivadores e demais material escolar nunha libraría
Cadernos, archivadores e demais material escolar nunha libraría | Fonte: Ricardo Rubio - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta