Autónomos e pequenas empresas... Guía e consellos de como pedir as axudas do Goberno

O Goberno central aprobou unha liña de axudas para a empresa valorada en 20.000 millóns de euros. A idea é cubrir aquelas urxencias que debe afrontar o sector empresarial os autónomos durante a corentena do coronavirus. Aquí ofrecemos as liñas básicas para a solicitude destes empréstitos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/04/2020 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O convenio entre o Instituto de Crédito Oficial, ICO e os bancos para comezar a emitir os empréstitos do Goberno asinouse este luns 6 de abril de 2020. Unha primeira liña de 20.000 millóns de euros para manter a flote o sector produtivo e que non afunda nestes momentos de crise pola COVID-19. O prazo para solicitar estes empréstitos comeza o luns 6 de abril e acaba o 30 de setembro de 2020.

Pedro Sánchez
Pedro Sánchez | Fonte: EP

Haberá dúas liñas de axuda, 10.000 millóns para pemes e autónomos e os outros 10.000 millóns serán para grandes empresas. Autónomos e PEMEs poderán solicitar tanto empréstitos novos como renovacións doutros e só precisarán da autorización da entidade financeira. As grandes empresas ou aquelas empresas que soliciten un empréstito superior aos 50 millóns de euros, terán que ter o visto e prace do ICO.

Lembremos que vender outros produtos bancarios aproveitando as liñas de crédito do Goberno, é ilegal. “Vai contra o catálogo de boas prácticas, non se pode reestruturar pasivos nin pagar  posicións en mora ni apalancar parte do empréstito para pagar o que che queda no ano 2020 ou no ano 2021” di Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e consultor en operacións bancarias e empresariais.  En tal caso, a Comisión Nacional do Mercado da Competencia ten aberta unha liña de consulta ante calquera dúbida no enderezo electrónico covid.competencia@cnmc.es.

QUEN PODE PEDIR OS EMPRÉSTITOS?

Poden solicitar estas axudas estatais os autónomos e as microempresas cun límite de 10 empregados. As empresas que teñan 250 empregados, non máis, e cunhas vendas infreriores aos 50 millóns de euros ou que teñan un total de activo inferior a 43 millóns de euros. As axudas son válidas para todos os sectores.

Diñeiro - Arquivo
Diñeiro - Arquivo

O destino dos empréstitos son o pagamento de salarios, alugueres e gastos fixos, pagamento a provedores, pagamento de vencementos de finanzamento e obrigas tributarias. O empréstito ten uns límites: máximo ata o que pode solicitar, 1,5 millóns de euros, ou senón ata o 25% de ingresos anuais ou 24 meses de gastos en persoal. Serán cinco anos para devolver o empréstito cun ano de carencia. O Goberno é avalista do 80% destes empréstitos.
 
As condicións para as grandes empresas son as que seguen. Poderán solicitar os empréstidos as grandes empresas con máis de 250 traballadores, con vendas superiores aos 50 millóns de euros e ou cun total de activo superior aos 43 millóns de euros. O importe que se poderá prestar será do 25% dos ingresos anuais ou 24 meses de gastos de persoal. As garantías son do 70% para as novas operacións e do 60% para as renovacións.

Tamén poderán empregar este diñeiro para o pagamento de salarios, alugueres e gastos fixos, pagamento a provedores e pagar vencementos de financiación e obrigas tributarias. O prazo para a súa devolución tamén é de cinco anos cun ano de carencia.

DOCUMENTACIÓN

A petición do empréstito faise no banco, mais o ICO supervisará as diferentes operacións de aí que as dúas partes, banco e ICO, pidan cadansúa tipoloxía de documentación. Os bancos por exemplo pedirán o Imposto de Sociedades do 2018 e auditoría da empresa. Balanzo da situación e Conta de Perdas e Ganancias do 2019 tamén actualizado. Logo pedirá unha serie de documentos que son:

modelo 390 de 2019,
modelo 190 de 2019,
modelo 303 trimestrais 2019,
modelo 111 trimestrais 2019
modelo 347 de 2019

Ademais, deberanse presentar os certificados de ter todos os pagamentos realizados á Seguridade Social e a Facenda para mostrar que non hai débedas cos órganos de recadación. Este documento pode solicitarse a través de Internet. Un “pool bancario” ou informe sobre as fontes de finanzamento que ten unha empresa.

Levar tamén un “cap table”, que é un documento onde aparecen un por un os investidores que ten a empresa ou se o capital social está dividido. As escrituras de constitución e ampliación de capital, unha presentación comercial do proxecto empresarial e presentar cales son as finalidades do diñeiro que solicitas.

O banco será quen marque os tipos de interese baixo as súas condicións. Aínda así, deberá atender ao momento de emerxencia ademais de que o interese non debe ser superior ao tipo de interese que xa viña ofrecendo.

O ICO como entidade canalizadora das axudas do Goberno e tamén, como parte interesada, supervisará o reparto dos diferentes empréstitos. Así, vai pedir un “anexo cero” de documentación da empresa ou negocio. Este é un relatorio amplo para presentarlle á institución pública a razón social, o sector empresarial en que traballa, a categoría de finanzamento que pides e cal é o destino que se lle quere dar. A finalidade é coñecer o estado da empresa ou negocio solicitante. Na web do ICO pódese baixar este documento.

A parte solicitante deberá presentar tamén unha declaración xurada  onde sinale que o importe do empréstito non supera o dobre dos custes por salarios anuais da empresa, ou que non supera o 25% do volume do negocio do ano anterior. Con isto preténdese que se solicite só o diñeiro realmente necesario.

O último documento para o ICO é a declaración de axudas que estean baixo o regulamento de Minimis. Serve para que o organismo público saiba se a empresa recibiu axudas da UE por importes inferiores a 200.000 euros. Se é así, hai que sinalar as cantidades, o organismos a quen se lle pediu e para que foron destinadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta