Os labregos contra as colas do supermercado: "Repartimos os nosos produtos a domicilio"

"Outra economía e outro sistema é posible", reivindican os produtores locais dende as súas hortas. Nestes días están facendo un "sobreesforzo" para superar a prohibición dos mercados alimentarios e sortear esta crise a través doutras canles de venda.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2020 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Cos mercados alimentarios de proximidade pechados, aos produtores locais quédanlles poucas opcións para sortear esta crise sanitaria e económica. "Segue habendo colas ás oito da mañá nos supermercados", denuncian, mais eles teñen prohibido vender os seus produtos ao aire libre. Nun contexto complexo, fan un "sobreesforzo" por achegar os produtos de proximidade ás familias e funcionar como un "servizo" máis: "Decidimos coordinarnos para repartir os alimentos polos domicilios". 

Labrego galego traballando co tractor
Labrego galego traballando co tractor | Fonte: GC

Así pois, baixo o lema "Levámosche a cesta da compra á casa", o Mercado de Alimento Labrego de Teo mudou a súa praza habitual pola venda ambulante. "As produtoras e produtores que temos alí os nosos postos queremos axudarvos a quedar na casa", anunciaron hai uns días polas redes. "Permítese a venda por medios alternativos como a vía telefónica, o correo electrónico ou similares". Deste xeito, uns dez labregos do Mercado de Teo embárcanse neste novo xeito de comercializar os seus produtos para adaptarse ás limitacións impostas pola normativa do estado de alarma.

A BOA ACOLLIDA DOS REPARTOS

Quique Bolo, un dos máis veteranos do Mercado de Teo, conta que a resposta da xente está sendo "importante" e só que nun sábado - o día que asignaron para o reparto - abasteceron entre 20 e 30 casas da contorna de Compostela. Polo momento andan "aprendendo" desta nova realidade e intentando coordinarse o mellor que poden entre todos eles. "Moita xente que está confinada nas súas casas chámanos, algunha dela coñecía o mercado pero nunca fora, outra si que o visitara, e outra nunca oíra falar del", relata Quique, que nota certo aumento da demanda destes produtos.

Cousa semellante sente Conchi Docampo, outra produtora da contorna de Santiago que sempre acudía ao Mercado Entre Lusco e Fusco, amais de formar parte do proxecto Nonéomesmo. Dende que prohibiron a celebración destes encontros, Conchi puxo todo o seu empeño na outra canle de venda: as cestas a domicilio. "Estou traballando con clientes que xa tiña e algún que collín a maiores", conta, "pero dixen a moitas persoas que non, porque é moito traballo para min soa e porque esta é unha das épocas máis complexas en produción de horta".

Traballando na horta
Traballando na horta | Fonte: Uxía Iglesias

Os repartos a domicilio aumentan en gran medida o volume de traballo, xa que á parte de apañar os alimentos na horta, cómpre atender os pedidos, preparar as caixas e facer o reparto no coche por Vedra, Santiago e algunhas casas de Teo. "Son moitas horas de traballo, moito tempo a maiores", recoñece Docampo, que fala tamén das dificultades da conciliación familiar e laboral con dous cativos na casa. De cara ao futuro, espera que as persoas "valoren o esforzo" que os produtores locais están facendo neste contexto: "Eu vexo isto como un servizo que dá maior seguridade ás familias, xa non só como a miña canle de venda", reivindica.

CUESTIÓN DE NECESIDADE OU DE CONCIENCIACIÓN?

Tanto Quique coma Conchi, e tamén Cristina Ambel, outra produtora de Cangas - Horta Verxel de Coiro - móstranse comedidos ao falar deste aumento da demanda, xa que, polo de agora, atínxeno máis a unha cuestión de "necesidade" que a unha maior concienciación alimentaria por parte da sociedade. "Ás veces contactan comigo porque chamaron ao Gadis e ata dentro de quince días non lle traían a verdura... Penso que os novos clientes valoran a entrega a domicilio, o servizo, mais non o produto local", conta Conchi. 

Quique tamén achaca esta suba de clientes ás necesidades actuais: "A xente ten limitacións e aproveita todos os medios que lle chegan ás súas mans para abastecerse. Se é concienciable de cara ao futuro? Non sei, xa o dirá o tempo", di escéptico. Cristina Ambel, pola súa banda, fala do "medo ao contaxio" nos supermercados como a principal razón pola que acoden á súa finca onde vende os produtos. "Todos eses clientes tamén sabían que eu estaba aquí hai un mes, pero foi agora cando me aumentaron os particulares". Esta produtora, que tamén abastecía certos restaurantes, conta que de momento vai "compensando" a perda da hostalaría cos estes novos clientes. Iso si, de cara ao inverno, o sector da restauración é quen lle dá de comer, así que advirte: "Moitos particulares me teñen que subir para chegar ao nivel habitual".

SEN MERCADOS

As dificultades dos produtores locais veñen dadas, sobre todo, pola prohibición dos mercados de alimentación de proximidade dende a declaración do estado de alarma. Numerosas plataformas e asociacións ecoloxistas levan tempo reivindicando a súa reapertura e a aposta pola produción local, ademais da implantación de medidas fiscais como a exención do pago de autónomos ás pequenas granxas. Estas, de feito, foron as demandas asinadas por un total de 600 entidades a nivel estatal e presentadas ao Ministerio de Sanidade e de Consumo este mesmo mércores, 8 de abril.

Entre os produtores e produtoras "non se entende" a prohibición dos mercados. "As labregas non somos responsables á hora de organizar un mercado con garantías? Nin o entendo nin o comparto", fala claro Conchi Docampo. Segundo Quique Bolo, esta decisión responde ao "descoñecemento", "desatención" e "desconexión" coa realidade rural por parte da clase política. "Creo que non teñen nin idea deste tipo de produción e non saben o que significa venda directa nin o que é un mercado". Tamén anda polo medio, di, "o descoñecemento do que implican para a saúde este tipo de produtos".

"OUTRO SISTEMA É POSIBLE"

Tanto Conchi, coma Cristina e Quique, coinciden na mirada urbana do Real Decreto imposto no marco deste confinamento. "É unha normativa vista desde a urbe e non orientada ao rural", sentenza a produtora do Mercado Lusco e Fusco. "Acontece con todas as políticas", di agora Quique. "Non entenden que nós traballamos con seres vivos que teñen os seus ciclos, independentemente do que eles decidan"

A pesar das trabas, os produtores esperan que este "sobreesforzo" que están realizando nestes días "se vexa recompensado no futuro". "O sistema segue sen poñer en valor o noso traballo e obriga a cidadanía a ir ao supermercado cando hai outros medios máis saudables e con menos risco", denuncia Cristina Ambel. Con todo, deixa a porta aberta á esperanza: "Hai xente que non se vai concienciar por moito coronavirus que veña, pero espero que isto sirva para que nos fagamos oír e para que nos fagamos ver: outra economía e outro sistema é posible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo 2

Já temos a um da cidade, donpimpon, dando lições aos labregos! Estes labregos distribuíam sua produção nos mercados, feiras e tendas locais, que surpresa, estão fechadas. Para entrar no grande distribuição tes si ou si que entrar pelo aro e aceitar o que ofereçam as distribuidoras, ademais de ter uma produção mínima, subministrar o produto sem saber qual vai ser o preço e cobrar em diferido. Ante a crise alimentaria que se nos vem encima https://www.theguardian.com/global-... temos que proteger e fomentar a agro de proximidade

1 DonPimpón

Agora é posible que os labregos distribúan o seu producto... e antes? que se queixaban de que as distribuidoras quedaban con toda a marxe? antes non se podía? Ou é cousa deste mercado labrego específico? eles poden e outros non? Que mudou aparte da dificultade para vender?