A Xunta xa entregou case todos os equipos con conexión a internet para familias con menos recursos

Esta medida é vista con ollos escépticos por parte de representantes de Anpas Galegas: aseguran que o reparto de ordenadores de pouco serve se o rural segue sen boa cobertura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2020 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O Goberno galego xa repartiu a práctica totalidade dos portátiles con conexión a internet destinados a familias e alumnos con menos recursos que se atopen cursando secundaria, bacharelato ou formación profesional.

Trátase dunha das medidas impulsadas para tentar paliar a fenda dixital presente entre o alumnado de diferente capacidade económica e da influencia da dispersión xeográfica. A través da colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange, as familias recibiron equipos en préstamo e conectividade para facilitar o seguimento da actividade educativa mentres dure o estado de alarma decretado pola alerta sanitaria.

Os materiais, que ascenden a un milleiro de equipos, entréganse a través dos centros. A porcentaxe de computadores que faltan entregarase á a volta das vacacións de Semana Santa. Cada un dos centros recibe tres equipos que distribuirá entre as familias segundo a súa situación económica, priorizando aos estudantes que estean a cursar o final de etapa na que titulen (4º de ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a quen non dispoñan de medios nos seus fogares.

Computador, teletrabajo, portátil, teclado. GOBERNO DE ARAGÓN
Computador, teletrabajo, portátil, teclado. GOBERNO DE ARAGÓN | Fonte: Europa Press

Doutra banda, o Ministerio de Educación remitirá 928 unidades de liñas de datos de alta capacidade para estudantes de bacharelato e de FP medio e superior en Galicia, a través dunha colaboración con Telefónica.

A Consellería de Educación tamén puxo a disposición dos docentes, esta semana, unha plataforma de videoconferencia, que xa permitiu máis de 30.000 comunicacións entre 100.000 profesores e alumnos.

Desde o pasado luns, os provedores de contidos de E-Dixgal (aulaPlaneta, Edebé, Netex e Pearson) permiten o acceso aos centros que non están integrados na iniciativa, unha medida que podería chegar a preto de 95.000 mozos.

"NON SERVE"

Porén, esta medida é vista con ollos escépticos por parte de representantes de Anpas Galegas. Este reparto de mil ordenadores "non serve" de moito se non hai boa cobertura, dicía a vicepresidenta do colectivo, Isabel Calvete. Ao seu parecer, sería máis lóxico aproveitar para poñer en marcha un plan a longo prazo que garanta as posibilidades reais de tele-estudo en circunstancias excepcionais, como nevaradas ou enfermidades.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta