Multan a dúas persoas en Ribeira e A Pobra por incumprir o confinamento

Ambas as dúas persoas incumpriron as normas de confinamento de "forma reiterada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2020 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

Unha muller de Ribeira e un veciño da Pobra do Caramiñal foron condenados ao pago de senllas multas, de 480 e 720 euros, por incumprir de forma reiterada as normas de confinamento derivadas da declaración do estado de alarma.

Diso informou este xoves o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que sinala que, en primeiro lugar, o Xulgado de Instrución número 2 de Ribeira, en funcións de garda, condenou este xoves a unha muller ao pago dunha multa de 480 euros como autora dun delito de desobediencia.

En concreto, a muller, que se mostrou conforme coa pena, foi interceptada por axentes nun supermercado de Ribeira cando increpaba e molestaba aos clientes o 8 de abril, xornada na que saíu á rúa sen xustificación. Ademais, segundo o fallo, o día 6 estivo nuns soportais, incumprindo a orde de confinamento.

A xuíza indica na resolución que "non consta" que a acusada teña "traballo coñecido" e considera acreditada a súa dependencia ás drogas. A muller xa fora condenada o pasado 24 de marzo ao pago dunha multa de 240 euros por saír á vía pública durante o estado de alarma sen xustificación para iso.

UN VECIÑO DA POBRA TERÁ QUE PAGAR 720 EUROS

Por outra banda, un veciño da Pobra tamén aceptou este xoves ser sentenciado ao abono dunha multa de 720 euros por cometer un delito continuado de desobediencia.

A xuíza, que tivo en conta a agravante de reincidencia, sinala no fallo que o sospeitoso, a pesar de ser "plenamente consciente das prohibicións á liberdade de circulación", foi localizado por axentes na Pobra do Caramiñal en cinco ocasiones, unha delas mentres pescaba.

O condenado, segundo a resolución, é drogodependente, carece de arraigamento e o seu modo de vida é o furtivismo. Ademais, ten numerosos antecedentes policiais.

Control da Garda Civil. GARDA CIVIL
Control da Garda Civil. GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Sentidiño

Estas persoas son insolventes. A xustiza, por moi cega que sexa, non as debe forzar ao roubo ou á pesca furtiva para que NOS paguen unha multa... é o mundo ao revés!

1 Gamela

Cando cobren o Ingreso Mínimo Vital Ponte (?) ao mellor poden cobrar as multas ! Que noxo dá saber que vivimos nun Estado de Excepción !!!

1 pinchacarneiros

En moitas cousas non estou de acordo contigo pero nisto fo estado de excepción por suposto. No estado de alarma realmente non se pode limitar o movimento das persoas, iso é no de excepción. As multas van ser recorridas e quedarán se efecto e miles de casos. O truco é que seguramente poñen que houbo resistencia á autoridade. Se queren que a xente non se mova que establezan o estado de excepción... Pero claro, iso é moi forte.

2 Gamela

Sabes que para recorrer a multa arriscas pagar a totalidade da mesma? Poñamos unha multa de 600 € (se pagas 300 € trámite resolto!) se recurres quedas sen a bonificación do 50%... E nin siquera é preciso que haxa resistencia, bastará cunha falta de respecto á autoridade (insultos, reiteración da conducta, etc...) // Pero o máis grave do conto vai ser cando remate o Estado de Alarma, a inmensa maioría das policías locais, nacionais, e gardas civís... vailles quedar un REGUSTO que será difícil de superar en moitos anos! Así que o Estado Policial chegou para QUEDAR !!!