As cousas polo seu nome sen eufemismos

O meu amigo Antón Piñeiro está aproveitando estes días de confinamento na súa aldea celanovesa dos Quintairos para construir unha cancela, por certo moi ben feita como revelan a fotografías que publicou nas redes sociais.

Por Xosé Glez. | Redondela | 11/04/2020

Comparte esta noticia

Tal suceso fíxome lembrar unha anécdota moi ilustrativa  referida por Ánxel Fole que vén ao conto. Resulta que lle encargara a un carpinteiro facerlle unha cancela.Cando o home que gustaba falar con requintados eufemismos rematou o traballo, díxolle: “Xa ve vostede, señor...as cancillas quedaron moi correspondentes e gubernativas”. Por “correspondentes”,quería dicir o home que axustaban con facilidade ao pechárense; por “gobernativas” que abrían e pechaban sen maior esforzo. O meu amigo Antón e compañeiro en arelas culturais  é máis de dicir as cousas polo dereito, sen reviravoltas.

Os  eufemismos sérvenlles aos que adoito os utilizan para disfrazaren as súas argalladas. Acordo que hai ben anos o Foro E. Peinador solicitou dunha coñecida empresa con proxección internacional, que acaba de recibir da Xunta de Galicia ao pé de tres mil millóns das antigas pesetas a fondo perdido para rescatala dunha das súas moitas críses, que incorporase a lingua galega a algunhas das súas actividades: na sinalética, nóminas, relacións laborais, publicidade e  etiquetaxe dalgúns envases. Respondeunos  un dos altos directivos e coopropietario publicamente dicindo que,amais de non admitir propostas de “redentores do galego”, a eles preocupáballes máis xestionar ben a empresa que daba de comer a moitos empregados. Aquel recurso á boa xestión hoxe resultou ser un eufemismo. Alomenos iso é o que se está a dilucidar en sede xudicial na Audiencia Nacional.Polo que se ve estaban máis preocupados por varreren para casa.

Paralelamente a este mal exemplo están os positivos, os que están a dar moitas empresas publicitándose no noso idioma, etiquetando os seus produtos de excelente calidade merecentes   do prestixio acadados nos mercados internacionais. Son marcas comerciais que gozan da fidelidade de centos de miles de consumidores que prefiren esas ofertas a outras que ignoran a nosa cultura. Nesta liña de galeguidade tamén están  empresas importantísimas dedicadas a outros sectores da produción, que se foron sumando ao chamamento do Foro E. Peinador, celebrando nos centros fabrís actos solemnes de Investidura de Galeguidade Empresarial coa participación de empregados e provedores e empresas afíns.

As empresas son partes integrantes da sociedade; non son elementos illados, senón que participan no desenvolvemento e configuración dos pobos e cidades. A Responsabilidade Social Empresarial é un investimento en sentido amplo: benestar dos clientes; benestar para a sociedade onde está radicada; benestar para os mesmos traballadores. Tamén os consumidores responsables poden determinar a aceptación ou non dunha marca pola implicación na realidade cultural que eles e a empresa cohabitan.As empresas móvense nun marco xurídico no que o respecto aos dereitos humanos é de obrigado cumprimento, incluíndose neles os dereitos lingüísticos, sen utilizar subterfuxios nin eufeminismo para eludilos.

En máis dunha ocasión temos recoñecido o respecto pola lingua galega que ten a entidade financieira ABANCA. É certo que non está galeguizada como debera, pero pode ser un bo modelo para que agora que se fixo coa maioría das accións de PESCANOVA  o novo equipo directivo que a vai xestionar aplique certa dóse de galeguismo empresarial tendo como exemplo a política lingüística da entidade financieira. O Foro E. Peinador envioulle ao seu presidente, Don José Carlos Escotet unha carta dándolle os parabéns pola compra desa industria pesqueira para que siga vencellada a Galicia, ao tempo que lle propuxemos un catálogo de medidas para que o noso idioma reforce a galeguidade da marca empresarial. Mesmo lle propuxemos que recuperase o nome orixinal, PESCANOVA, abandonando o anteposto adxectivo castelán que agora ten. O noso argumentario está avalado polo exemplo de moitas pequenas, medianas e grandes empresas que teñen asumido a galeguidade, sen que tal medida lles supoña prexuizo de ningún tipo.Todo o contrario, teñen a simpatía dos consumidores. As nosas marcas comerciais poden estar nos mercados internacionais coa súa propia identidade  que identifica  a denominación de oríxe.

Cando saiamos da críse económica provocada por este andazo viríco, as pequenas e medianas empresas van precisar do apoio dos consumidores galegos. Xa se empeza a escoitar a demanda de apoio ao comercio de proximidade, que é o noso; a mellor proximidade é a que nos dá a lingua que falamos para comunicarmonos. Chamémoslles ás cousas polo seu nome. Do noso, mellor en galego. A lingua galega non precisa de cancelas “competentes” e “gobernativas”. Nin de eufemismos que lles neguen capacidade para pregoar os nosos produtos e dereitos.
 

O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, na presentación de resultados de 2019. ABANCA
O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, na presentación de resultados de 2019. ABANCA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.