O sector TIC galego céntrase no incremento das fraudes online e nos problemas do teletraballo

O presidente de Ineo sinala que tamén pode haber "vítimas" do coronavirus nas tecnolóxicas, como as firmas que prestan servizos de "presenza física"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2020 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

Solucións para videocomunicación e de accesos remotos, co foco no teletraballo tanto para empresas como para administracións públicas, e máis equipos portátiles: son os "picos" de demanda que deixa a crise sanitaria do COVID-19 na parte do sector TIC galego cuxa actividade empresarial está orientada cara a este tipo de ferramentas.

Así o trasladou, en declaracións a Europa Press, Luís Álvarez-Sestelo, presidente de Ineo, asociación que aglutina ás tecnolóxicas galegas. Un sector, remarcou Álvarez-Sestelo, con actividades "moi dispares", o que tampouco permite concluír que, en termos xerais, o seu conxunto saíse beneficiado en termos de vendas e facturación a causa do coronavirus.

Como exemplo, sinala ás firmas que prestan servizos que requiren de "presenza física". "Pensemos en xente que fai 'software' para a contorna da pesca ou nos sensores que hai que montar nunha fábrica. Se a fábrica está pechada non vas poder", indica. En todo caso, si que admitiu a existencia de "picos" na demanda de moitas outras firmas do sector ligados sobre todo ao teletraballo implantado con carácter xeral, tras o estado de alarma, tanto nas empresas como nas administracións.

Así, as ferramentas de teletraballo son "claves" e o TIC percibiron maior demanda de licenzas de software de videocomunicación, por exemplo. Ou de solucións para o acceso remoto aos postos de traballo a través das VPN e para a compartición de arquivos.

Tamén se compraron máis equipos portátiles. "Mesmo por parte dalgunha administración pública buscáronse equipos portátiles", incidiu, antes de remarcar, por ver "o lado bo" desta situación, que a "dixitalización" administrativa está a converterse "agora si" nunha realidade. "Están a acelerarse moitos procesos administrativos e o que parecía que non se podía facer, agora vese que si", dixo.

REFORZO EN SEGURIDADE E 'PHISHING'

As solucións ligadas a preservar a seguridade empresarial, por exemplo, dos ciberataques, tamén están presentes no sector, Álvarez-Sestelo indica que non especificamente por mor desta crise sanitaria.

Máis aló, remarca que, como ocorre "desde hai tempo", a maior parte de problemas en clave de seguridade que se dan "son de 'phishing'", método usado por delincuentes cibernéticos para estafar e obter información confidencial como pode ser un contrasinal ou datos dun cartón de crédito de forma fraudulenta.

Imaxe dun traballador cun computador portátil.. SUMAUTO
Imaxe dun traballador cun computador portátil.. SUMAUTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta