Por Walter Burns | Santiago | 26/11/2012 | Actualizada ás 08:00
Unha das empresas seleccionadas no programa de Internet Rural da Xunta está a ser investigada por fraude. Centos de galegos reciben estes días unha sorprendente carta de AGADER na que se lles pregunta se realmente acaban de darse de alta no programa subvencionado de acceso á Rede.
A Consellería de Medio Rural confirmou a GC a apertura dun expediente contra Mira Novas Tecnoloxías. Esta é unha das seis empresas seleccionadas pola Xunta para espallar o Internet vía satélite nas aldeas.
As empresas reciben da Xunta 500 euros por cada fogar que se conecte a súa rede polo menos durante un ano. Mira Novas Tecnoloxías presentou en AGADER unhas 500 solicitudes. A magnitude da presunta fraude podería rondar, polo tanto, os 250.000 euros.
Solicitudes asinadas por clientes que realmente non pediron a Internet e e solicitudes de clientes antigos desta empresa son algúns dos casos que se están a investigar.
"Recoñece a sinatura que figura ao pé da solicitude como súa?"
"Efectuadas comprobacións sobre as solicitudes presentadas polas empresas, detectáronse irregularidades nas solicitudes tramitadas pola empresa Mira Novas Tecnoloxías, S.L, polo que se iniciou un procedemento para retirar a esta empresa a condición de entidade colaboradora de Agader" di a carta remitida ás familias.
A resolución do expediente está avanzada e segundo a Xunta podería dar lugar tanto a sanción administrativa como á derivación ao Xulgado no caso de confirmáranse sinaturas falsas. "En relación á solicitude de axuda que se lle remite con este escrito, e que foi tramitada no seu nome pola empresa Mira Novas Tecnoloxías, S.L., recoñece a sinatura que figura ao pé da solicitude como súa?", pregunta o Goberno na carta.
Medio Rural destaca que foi a propia Administración quen parou inmediatamente a concesión das axudas de Mira en canto detectou os primeiros indicios.
Sen permiso en primavera
Cuestionado por GC de como é posíbel que unha empresa a que se lle retirou a condición de operador de telecomunicacións esta primavera e que este mismo ano mantiña débedas coa administración poidese contratar con AGADER, Medio Rural responde que Mira Novas Tecnoloxías cumpría os requisitos no intre da súa entrada no programa.
A Xunta estimaba en 2.100 as familias que se podían beneficiadas do programa. O feito de que case medio milleiro de solicitudes estean a ser investigadas implica que unha oitava parte das axudas puideron ser obxecto de fraude, aínda que os solicitantes de Mira Novas Tecnoloxías que cumprían os requisitos xa poden presentar solicitudes a través doutras empresas colaboradoras. O orzamento total do programa é de 2,4 millóns.
Versión do propietario
Mira Novas Tecnoloxías, que tamén opera coa marca Minotec, está radicada en Nigrán, segundo o Rexistro Mercantil. O seu propietario é Roberto Carlos Valverde Sabin. Veciño de Baiona, nas redes sociais defínese como presidente de OPERGAL (Asociación de Operadores Galegos de Redes sen Fíos de Banda Larga).
Nun correo remitido ao GC, Valverde Sabín asegura que GC está "faltando a verdade en practicamente toda a totalidade do artigo" e "sacando conclusión moi desacertadas ao respecto".
GC tentou ampliar a súa versión dos feitos, sen éxito polo de agora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.