Residencias libres de COVID-19: "A alegría é tremenda, pero agora hai que reforzar aínda máis a prevención"

O persoal asegura que os residentes "son os que máis medo teñen" e como profesionais o seu labor "tamén é tranquilizalos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2020 | Actualizada ás 10:31

Comparte esta noticia

A residencia DomusVi Laraxe, situada no concello coruñés de Cabanas, forma parte dese grupo de centros de atención á terceira idade que en Galicia se está librando do coronavirus. O seu director, Paulo Naseiro, recoñece que "a alegría é tremenda, pero agora hai que reforzar aínda máis a prevención para que o bicho non entre" nas súas instalacións.

Persoal da residencia DomusVi Laraxe.
Persoal da residencia DomusVi Laraxe. | Fonte: Protección Civil.

A noticia sobre os 264 resultados negativos por coroanvirus chegou a Laraxe este xoves, despois de que o luns persoal do Servizo Galego de Saúde se desprazase ata alí para realizar os tests. Cando se decataron de que ninguén estaba contaxiado, os 166 residentes e 98 empregados que viven e traballan na DomusVi mostráronse entusiasmados e, en parte, aliviados.

Con todo, Paulo Naseiro apunta que aínda que supón unha "alegría" para todos, como director prefire "tomar moita cautela", porque "este virus é un problema moi serio" e a "precaución sempre é necesaria". Considera que o pleno de negativos débese a "unha mestura de sorte e de aplicación estrita de protocolos".

Neste sentido, Yoli Hermida, unha das enfermeiras deste centro, subliñou que aínda que os protocolos se seguiron "estritamente", agora que saben que están "limpos, hai que continuar traballando para mantelo".

Asegura que esta noticia "tranquiliza" sobre todo aos residentes: "Son os que máis medo teñen e o noso labor tamén é tranquilizalos". "Eles están aí metidos e pode parecer que se cadra non lles chega toda a información igual que ao resto, pero algúns xa nos estaban preguntando todos os días polos resultados das probas ou se criamos que iamos ter casos", explica esta profesional.

"O PERSOAL ESTÁ A DALO TODO"

Tanto nas residencias nas que se produciron contaxios, como nas que non se detectou ningún caso, "o persoal está a dalo todo", recalca Paulo Naseiro. Para el resultou "crucial" a "concienciación dos empregados", xa que unha vez que as visitas se prohibiron, eles convértense no "vector de contaxio posible" para os residentes.

Sobre este asunto, Yoli Hermida deixou claro que tanto ela como os seus compañeiros tratan de "cumprir a corentena estritamente" porque sabe que no seu posto de traballo está "en contacto con persoas moi vulnerables" ante este virus e non queren "polos en risco".

Por iso, unha vez que recibiron os resultados das PCR, o director reuniuse con todos eles para subliñar a importancia de manter o que se conseguiu ata a data.

GRAO DE AFECTACIÓN "DIFERENTE"

O director bota a vista atrás e lembra que no caso da residencia que dirixe empezaron a "tomar medidas moito antes do estado de alarma" e asegura que isto tamén ocorreu noutros centros. "Todas as residencias seguen medidas sistemáticas moi parecidas, pero unhas zonas acaban máis afectadas que outras", sinalou.

Neste sentido cre que o feito de que nalgunhas instalacións "o risco de contaxio sexa moi alto e noutras haxa marxe de acción" débese á "intensidade de afectación diferente" do territorio, como ocorre coas diferentes zonas da Península.

Ademais, Naseiro quixo deixar claro que aínda que "non é a primeira vez que se aplican protocolos" deste tipo, como coa Gripe A, "este problema é moi diferente a calquera outro que existise", polo que "hai que traballar sobre a marcha" e "a moita velocidade".

Agora, coa realización de tests masivos nas diferentes áreas sanitarias, trátase de "ver a situación real", o que resulta "fundamental" para "non traballar a cegas e reforzar a blindaxe dos centros na medida do posible".

APRENDER DA PANDEMIA

Unha vez que se supere esta crise sanitaria, o director do centro de Laraxe cre que o sector da xerontoloxía "aprenderá desta pandemia como aprendemos todos os días". Desde a perspectiva dos traballadores, esta aprendizaxe xa se está vendo agora e é que Yoli Hermida, por exemplo, nota "máis ambiente de equipo" entre todos os departamentos.

Asegura que "aínda que antes xa había colaboración, agora intensificouse". Os protocolos de prevención e a reorganización das plantas retardan o traballo e isto obriga a modificar o sistema por parte de todos os profesionais, aínda así traballan "a piñón" por sacar as quendas adiante, explica.

Esta intensidade de traballo tamén se percibe noutros centros que contan con enfermos por coronavirus e outros que tamén se libraron, como é o caso da residencia santiaguesa Volta do Castro ou a de Esgos (Ourense). Está claro que en todas elas, así como no resto da sociedade, esta pandemia deixará a súa pegada.

"NON POR MAIORES SON ENFERMOS"

Sobre os efectos que pode ter o coronavirus na organización das residencias, Paulo Naseiro sinala que "a xente agora está a se confundir", porque as "residencias non son centros sanitarios", senón "centros sociais". Desde a súa perspectiva ve como "a xente se expón se deberiamos converternos en hospitais" e el cre que non.

"As residencias teñen que seguir sendo centros de vida, de actividade, de convivencia e de compartir", reitera. Esta pandemia traerá cambios, pero "o compoñente sanitario" non debe ser "central", xa que as persoas que viven alí "non por maiores son enfermos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta