Pontevedra xa ten novos camiños polos que desfrutar logo da pandemia do coronavirus

O edil socialista de Desenvolvmento Sostible e Medioambiente dar por rematada as obras de renovación dos camiños das Marismas de Alba en Pontevedra

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 22/04/2020 | Actualizada ás 21:47

Comparte esta noticia

A nova rede de sendas peonís do espazo natural das Marismas da Xunqueira de Alba, en Pontevedra, agarda para ser estreada por viandantes e deportistas en canto se vaian levantando as medidas de confinamento. A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural rematou nestes días o proxecto de rexeneración dun treito duns 500 metros entre o Paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara, unha actuación que a empresa Construcciones EC Casas executou cunha achega económica de 12.058,85 euros.

Un dos camiños do espazo natural das Marismas de Alba, en Pontevedra
Un dos camiños do espazo natural das Marismas de Alba, en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

En concreto, os tramos de senda renovados atópanse entre unha das pontes que atravesa o río da Gándara (á altura da peaxe da AP-9) e a pasarela do Camiño Portugués a Santiago. Os traballos, que tiveran que interromperse por mor da hibernación das actividades construtivas que decretara o Goberno central, fixeron posible optimizar o estado de conservación dos sendeiros, especialmente nun par de treitos que suman arredor de 250 metros e que se viran moi afectados polas fortes precipitacións do pasado mes de novembro.

Á marxe das escorrentías de auga por aqueles temporais, os camiños da Xunqueira de Alba tamén quedaran en mal estado por mor dunhas actuacións realizadas por Fenosa nesa zona con maquinaria pesada, indican dende o Concello de Pontevedra. Por iso, o proxecto de renovación da rede de roteiros das Marismas incluíu, entre outras obras, o levantamento da capa superior das sendas anteriores e a aplicación dun aporte de xabre para asentalo firme.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, asegura que o resultado dos traballos “é óptimo” e que os vieiros “agardan en perfectas condicións a que veñan tempos mellores para seren estreados”. “Tanto o Servizo de Medio Ambiente como o de Parques e Xardíns seguen a poñer a punto eses fermosos espazos naturais, parques e zonas de xogo que temos en Pontevedra -lembra o socialista- e que moi cedo volveremos ocupar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta