Os sindicatos esixen probas e máscaras para todos os policías nacionais

Xestionáronse xa 243 posibles casos de COVID-19 en comisarías da comunidade e 50 funcionarios acolléronse a medidas de illamento domiciliario.

Por E.P. | VIGO | 30/04/2020 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

O Sindicato Unificado de Policía (SUP), a Confederación Española de Policía (CEP), o Sindicato Profesional de Policía (SPP) e a Unión Federal de Policías (UFP) reclamaron probas de detección de COVID-19 para todos os policías nacionais de Galicia e denunciaron a "escaseza" de máscaras con filtrado dispoñibles para estes.

Así o trasladaron no marco dunha reunión celebrada por vía telemática co xefe superior de Policía de Galicia e o secretario xeral da Xefatura Superior de Policía de Galicia (JSP). Nese contexto, informóuselles de que se xestionaron 243 posibles casos de COVID-19 en comisarías da comunidade, así como que 50 funcionarios se acolleron a medidas de illamento domiciliario (27 pola idade e 13 por contar con patoloxías).

Tamén se indicou que na última semana se distribuíron 11.201 máscaras hixiénicas, 388 FF2 e 4.447 cirúrxicas, ademais de 7.800 luvas, 104 botes de xel hidroalcohólico, 13 lentes de protección e dous monos nas comisarías galegas.

Ante esta situación, as centrais sindicais insistiron en que as máscaras FFP2 repartidas resultan "escasas" e remarcaron que as hixiénicas non deben substituír a dotación de Equipos de Protección Individual (EPI). Mentres, os responsables da xefatura explicaron que estas últimas se utilizarán de modo puntual para complementar o uso das cirúrxicas. Os sindicatos tamén avogaron por priorizar a distribución de máscaras entre patrullas e axentes que custodien centros hospitalarios ou calabozos.

Así mesmo, os representantes de SUP, CEP, SPP e UPF pediron formación para policías sobre a utilización e conservación de EPI e que o Sergas reserve test de COVID-19 para someter a todo o persoal, en especial aos axentes máis expostos.

Do mesmo xeito, reclamaron que as dependencias policiais doten o persoal de solucións de desinfección que non danen os equipos e remarcaron a necesidade de desinfectar os chalecos colectivos. En canto ás instalacións, solicitouse que se realice unha previsión dos biombos que se instalarán en puntos de atención ao cidadán e propúxose a utilización de ozonizadores nas estancias nas que se produza unha maior concentración de funcionarios.

Así mesmo, os sindicalistas sinalaron que algunhas comisarías non dispoñen das suficientes unidades de vehículos policiais para prestar servizo e pediron un reforzo do vestiario. Adicionalmente, expuxeron a posibilidade de establecer un sistema de citas previas para acudir ás oficinas de denuncias e atención ao cidadán e criticaron "a falta de medios adecuados para levar a cabo os pases a disposición xudicial e as entrevistas cos letrados a través de videoconferencias".

Control da Policía Nacional en Vigo polo estado de alarma
Control da Policía Nacional en Vigo polo estado de alarma | Fonte: © Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta