Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 05/05/2020 | Actualizada ás 11:10
Dous axentes da Policía Local de Poio permanecen ingresados nun centro hospitalario, despois de ser vítimas do ataque realizado por un grupo dunhas 20 persoas no poboado do Vao de Arriba. Neste poboado viven numerosas familias de etnia xitana e é un dos focos de venda de droga da zona de Pontevedra. Ambos presentan contusións, mazaduras e diversos cortes. Segundo informaron fontes da Xefatura da Policía Local de Poio, os feitos tiveron lugar este luns, ao redor das 20,30 horas.
Unha patrulla da Garda Civil estaba a realizar un control de mobilidade con motivo do estado de alarma decretado pola pandemia do COVID-19, cando lle deron o alto a un home xa coñecido polos axentes do instituto armado pola súa reincidencia en saltarse o confinamento.
Cando os axentes da Garda Civil procedían á súa detención, un grupo de persoas reaccionou a pedradas contra o coche patrulla. Foi entón cando un coche do corpo de seguridade municipal chegou á zona, despois de ser avisado polo 112, e recibiu o impacto de varias pedras.
Posteriormente, estes mesmos individuos atacaron os automóbiles con paus, provocando cuantiosos danos materiais. Os dous axentes municipais lograron abandonar o vehículo e tiveron que esperar aos reforzos fora do poboado. Entón acudiron máis efectivos da Garda Civil, e tamén axentes da Policía Nacional e a Policía Local de Pontevedra.
A Policía Local de Poio confirmou a detención dun dos presuntos responsables deste ataque contra as forzas da orde. As dilixencias continúan abertas ata que se identifique ao resto de persoas implicadas nestes disturbios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.