O Goberno declara o Xacobeo 2021 como acontecemento de interese público

Aproba medidas para "apoiar e defender" o sector cultural con axudas por 76 millóns de euros e dá 'luz verde' ao terceiro tramo de avais ICO por 24.500 millóns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O Goberno recoñeceu o Xacobeo 2021 como acontecemento de interese público. Así mesmo, fixo o propio este martes con: o Plan Berlanga, posto en marcha con ocasión do centenario do nacemento do cineasta; a saída da volta ao Mundo a Vela en Alacante; e a participación de España como País Convidado de Honra na Feira do Libro de Frankfurt en 2021.

Por outra banda, o Goberno deu luz verde este martes 5 de maio a un Real Decreto-lei destinado a "apoiar e defender" o sector cultural ante a pandemia pola Covid-19, segundo anunciou a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

O ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, sinalou que se trata dun "decreto moi pensado que é xusto" e que "ten todas as dimensións que debe ter para protexer un sector fundamental" do estado, "non só desde punto de vista industrial, senón desde os valores e o significado que ten no estado social e de dereito".

Este Real Decreto-lei contempla ao redor de 76 millóns de euros en axudas para o sector cultural e o financiamento das empresas culturais, así como medidas fiscais, o acceso extraordinario á prestación por desemprego, cambios nos requisitos para as películas que optan a axudas, que poderán estrearse en plataformas, ou o incremento da porcentaxe de dereitos de autor para a acción asistencial, entre outros aspectos.

En concreto, tal e como sinalou o ministro, este Real Decreto-lei está formado por sete grandes bloques, que inclúe en primeiro lugar unha dotación de 20 millóns de euros á Sociedade de Garantía Recíproca CREA SGR, que permitirá avalar ata 780 millóns de euros para todos os sectores.

Así mesmo, Rodríguez Uribes destacou que este paquete de medidas inclúe a protección ao desemprego dos traballadores, que se trata dunha "vella demanda" que se viu "agravada no contexto do coronavirus". Neste sentido, sinalou que o Ministerio de Traballo colaborou para "resolver" as situacións de traballadores da cultura que se atopan en situación de "intermitencia".

Tal e como detalla o Ministerio de Cultura e Deporte nun comunicado, os artistas poderán acceder de maneira extraordinaria á prestación de desemprego por un período de ata 180 días, segundo o período de ocupación cotizada no ano anterior, recoñecendo así a intermitencia laboral e a especial vulnerabilidade dos traballadores do sector cultural. Esta medida afecta ao 45 por cento dos contratos de traballo do sector artístico, que son por obra ou servizo, é dicir, de carácter intermitente.

FLEXIBILIDADE EN TEMPOS E PRAZOS

Tamén, a norma aprobada polo Goberno inclúe o apoio do "tecido empresarial e asociativo", co fin de "paliar" os efectos do coronavirus nun setor "especialmente danado", á vez que aborda o "horizonte da desescalada" con axudas que permitan avanzar nas "distintas fases". Ademais, Rodríguez Uribes avanzou que este Real Decreto-lei inclúe "elementos de flexibilidade en axudas, tempos e prazos", como é o caso das estreas comerciais de cinema, que poderán ter a súa estrea en plataformas, ou "anticipos", para evitar que se cancelen os eventos culturais.

Tamén no sector do audiovisual, e co fin de xerar liquidez nas produtoras que recibiron axudas, adiantaráselles o 50 por cento do pago de parte da axuda outorgada antes de que inicien a rodaxe e permitirase que entre os gastos subvencionables se inclúan aqueles directamente vinculados co impacto da crise. Ademais, flexibilízanse os prazos e as obrigacións ás películas beneficiarias de axudas xerais e selectivas, tanto para a produción de longametraxes como de curtametraxes sobre proxecto, concedidas entre os anos 2016 a 2019.

Doutra banda, tal e como destaca Cultura, en materia de subvencións e axudas públicas para actividades e proxectos culturais, posibilítase o abono dos gastos subvencionables realizados, cando os proxectos ou actividades non puidesen levar a cabo, total ou parcialmente, por mor da COVID19. Á súa vez, os profesionais do sector artístico van poder percibir anticipos e indemnizacións en caso de adiamento ou cancelación das actuacións contratadas co sector público, sempre que os contratos non excedan dos 50.000 euros.

A portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e o ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodriguez Uribes, na rolda de prensa telemática tras o consello de ministros. MONCLOA
A portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e o ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodriguez Uribes, na rolda de prensa telemática tras o consello de ministros. MONCLOA | Fonte: Europa Press

LUZ VERDE AO TERCEIRO TRAMO DE AVAIS ICO

Por outro lado, o Consello de Ministros aprobou este martes o terceiro tramo de avais para empresas por parte do Instituto de Crédito Oficial (ICO) por un importe total de 24.500 millóns de euros. Así o confirmou a ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Montero explicou que as entidades bancarias non poderán cargar ningún custo financeiro sobre importes non dispostos polo cliente, dando resposta así ás queixas dalgunhas empresas que denunciaban certas cuestións. "Imos suxeitando as liñas a vixilancia e reforzando algunhas cuestións", precisou.

O novo acordo de Consello de Ministros reforza igualmente a obrigación das compañías beneficiarias dos avais de empregar o financiamento obtido para facer fronte ás necesidades de liquidez como xestión de facturas, pago de nóminas ou provedores, necesidade de circulante ou vencementos de obrigacións financeiras e tributarias, non podendo empregala para a repartición de dividendos.

Este terceiro tramo da liña ICO está destinado á concesión de créditos e o 50% do importe total irá parar a financiamento de pemes e autónomos, mentres que o 50% restante será para as empresas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Fomare

O frijol non dá puntada sen fío. Leva toda a pandemia de campaña electoral e agora vai enganchar o chiringuito nacionalcatólico do Xacobeo pra estar omnipresente en todo canto se faga. Win-win para o neno dos Peares. E a o oposición preocupada polos kurdos (ana miranda) ou os obrigados (rego). PpdG ata o 2025.