"A Xunta actuou en contra das leis"

As organizacións ecoloxistas Axena e ACOPO veñen de presentar ante a UE unha denuncia pola matanza incontrolada de lobos no Barbanza. Entrevistamos a Miguel Mosquera, de ACOPO, sobre a situación actual deste mamífero.

Por Xurxo Salgado | Barbanza | 16/12/2012 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

Durante varios meses, e tal e como xa relatamos no GC, gandeiros do Barbanza, autorizados pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, levaron a cabo numerosas batidas no Barbanza para matar exemplares de lobos e híbridos. O argumento era que atacaban o seu gando. 

Miguel Mosquera, de ACOPO
Miguel Mosquera, de ACOPO

Nesta guerra non declarada contra o lobo, tal e como contamos en GC, utilizaronse métodos e trampas ilegais que foron denunciadas ante o Seprona da Garda Civil. A matanza de lobos deu lugar a varias protestas e mesmo a unha manifestación en Santiago en contra desta política. Finalmente, soubose que nos terreos nos que tiveron lugar a maior parte destas mortes, instalouse unha gran granxa con capital extranxeiro.

Miguel Mosquera é o presidente da Asociación Coordinadora de Protectoras de Pontevedra (ACOPO) e, xunto cos membros de Axena, é un dos activos defensores do lobo. Por iso, decidiron presentar unha denuncia ante a UE para que tome cartas no asunto e sancione á Xunta se cometeu irregularidades

Galicia Confidencial (GC).- Que está pasando cos lobos no Barbanza?

Miguel Mosquera (MM).- No Barbanza existía unha poboación estable e con reprodución confirmada de lobos ibéricos. A día de hoxe despois da desacertada xestión da Xunta de Galicia nestes dous últimos anos, non se ten coñecemento de se queda algún lobo vivo. 

GC.- Desde o colectivo de gandeiros dise que non son lobos, que son híbridos?

MM.- Queremos aclarar que o Barbanza contou historicamente coa presenza de lobos puros. A aparición puntual dalgún exemplar híbrido é posible e ata certo punto normal, pero no Barbanza e en calquera outra poboación de lobos europea onde o fenómeno da hibridación por se mesmo non supón ningún problema para a conservación da especie xa que non deixa de ser algo anecdótico. A verdadeira ameaza é a enorme presión e persecución que sofre a especie, e o escaso interese da administración en apostar pola conservación do noso patrimonio natural. Que ninguén se engane, a día de hoxe a morte ilegal de lobos segue sendo a principal ameaza para a especie.

GC.- Desde Medio Ambiente aseguran que autorizan as batidas para controlar estas poboacións. Cres que hai confluencia de intereses entre gandeiros e Xunta?, cales?

MM.- A nós o que nos preocupa é que tendo lexislación e plans de conservación, coma o Plan de Xestión do Lobo en Galicia ou o Plan de Acción para a Conservación do Lobo en Europa, que indican claramente como hai que actuar no caso do fenómeno da hibridación e dos danos ao gando, a Xunta actuou totalmente en contra dos criterios establecidos conscientemente. O método de captura autorizado pola administración de exemplares híbridos por parte de cazadores é extremadamente deficiente, xa que a simple vista é imposible determinar se o exemplar é un híbrido ou un lobo puro. 

GC.- Por que?

MM.- Porque calquera persoa que o solicita pode participar nas batidas cando especificamente se recolle que non poden ser gandeiros. O desprezo total á problemática dos cans abandonados - incumprimento da LEY 1/93 de 13/04/1993 protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade-, a autorización de controles durante dous anos na época de cría ou que se autorizara a morte de lobos por uns danos ao gando xamais demostrados oficialmente, son evidencias suficientes das irregularidades nas accións da administración que atopou na hibridación a excusa perfecta para matar lobos cedendo descaradamente ás presións dos gandeiros.

Sanción de confirmarse as irregularidades

GC.- É por iso que ACOPO e Axena decidiron levar esta asunto a Europa?

MM.- Sí, por suposto. É unha das palancas que temos todos os cidadáns para defender os nosos intereses. A Comisión Europea ten ferramentas e capacidade para analizar o problema que vimos denunciando, e pode facer forza para que a Xunta de Galicia explique que criterios seguiu co lobo no Barbanza e evidentemente podería proceder unha sanción no caso de confirmarse as irregularidades.

GC.- E credes que Bruxelas vos vai dar a razón?

MM.- Nós facemos o correcto, no que cremos, e agardamos que a Comisión Europea comprenda a gravidade e o alcance do que para nós é unha xestión neglixente e se decante pola conservación do noso patrimonio natural atendendo ás numerosas directrices de conservación e leis vixentes.

GC.- E como se pode compatibilizar a gandeiría tradicional coa presenza do lobo? 

MM.- Realmente xa sería perfectamente compatible tendo en conta que os supostos danos do lobo ao gando en Galicia segundo datos oficiais non superan o 0,1%  anual, pese ao ruído mediático que magnifica un “problema” que non o é tanto.

Aínda así na miña modesta opinión hai puntos de mellora e grandes barreiras que superar. É unha cuestión de vontade, por tódalas partes, pero especialmente pola administración que ten que orientar a súa xestión a favorecer claramente a coexistencia da gandería co lobo, e os propietarios do gando teñen que darse conta que os animais precisan dunhas mínimas medidas de protección se realmente están interesados en que se reduzan os danos.

Os nosos montes e o noso medio natural son de todos, e non están só para favorecer aos que obteñen beneficios económicos, son un ben de toda a sociedade.

Deficiencias do Plan do Lobo

GC.- Que opinas do plan de xestión do Lobo de Galicia?... Estase cumplindo?

MM.- O Plan de Xestión do Lobo en Galicia foi aprobado no 2008,  e  evidentemente  é mellorable  porque por exemplo se basa en datos de poboación non actualizados referentes ao último censo do lobo en Galicia feito entre 1999 e o 2003. Tamén establece que se poden autorizar controles sobre o lobo por danos recorrentes, pero non concreta obxectivamente que é "recorrente", é un criterio subxetivo, non medible e polo tanto non válido. Tampouco contempla un plan de acción para reducir a mortalidade ilegal que sofre o lobo. Unha mellora desexada sería incluír no texto puntos concretos para potenciar as investigacións científicas, algo indispensable e que debería ser a base da xestión da especie, e por suposto apostar decididamente pola educación e a sensibilización, xa que a día de hoxe o lobo soporta unha pesada carga pola falsa imaxe que perdura deste animal extraordinario. Quizais un dos maiores problemas do Plan de Xestión actual, como comprobamos no Barbanza, é que non se está cumprindo, e moitos dos seus puntos quedaron só no papel.

"Falta de transparencia" da Xunta

GC.- Hai uns días o director xeral de conservación da natureza inauguraba un congreso sobre o lobo destancando que o máis importante é realizar estudos sobre este mamífero. Estades dacordo con esta política? 

MM.-  Por suposto,  como comentaba anteriormente a investigación é unha das pezas claves para unha xestión correcta que ben empregada pola administración debería garantir a conservación da especie e nos axudaría a avanzar no coñecemento da ecoloxía do lobo e o seu impacto nos ecosistemas nos que habita. Pero cando se deseña un proxecto ten que ter un obxectivo claro e definido. En Galicia toda a información relativa aos estudos encargados pola administración, que pagamos todos, non chegan ao público e dubidamos que teñan unha finalidade clara. A falta de transparencia da Dirección Xeral de Conservación da Natureza é total, nin tan sequera responde ás peticións expresas de acceso a información relativa aos estudos científicos, coma por exemplo os relativos ao radiomarcaxe que se ven realizando nos últimos anos.

GC.- Que propoñedes vós neste sentido?

MM.- Como primeiro paso dende fai tempo vimos reclamando a realización dun novo censo poboacional, para saber cal é a situación demográfica actual da especie na nosa comunidade, porque hoxe estamos xestionando en base a datos obsoletos.

Sería interesante tamén a creación dun grupo técnico de traballo que aborde cuestións como a viabilidade xenética da especie máis aló da situación poboacional, que detecte riscos, propoña medidas correctoras ou que impulse estudos que afonden nos beneficios que exerce sobre o seu entorno, para que se amose á sociedade porqué o lobo é unha especie clave e tan necesaria.

A conservación do lobo

GC.- Ten futuro o lobo en Galicia?

Esperamos e faremos todo o posible para que así sexa, tanto ACOPO como AXENA e outras asociacións que aportan o seu grao de area para conservar ao lobo.

GC.- E que se pode facer para conservalo?

O que se pode facer como punto de partida de mínimos é cumprir a lexislación e plans de conservación vixentes, xestionar en base a datos científicos actualizados de forma obxectiva sen ceder a presión de ningún tipo e dunha vez facer un traballo serio e efectivo para reducir as accións ilegais que ameazan o futuro da especie. 

Outra cuestión que consideramos fundamental é a sensibilización e a divulgación, que a xente coñeza ao lobo biolóxico, porque coñecer é o primeiro paso para conservar, e para isto levamos a cabo diversas iniciativas que agardamos acheguen á xente a este maravilloso animal, porque como sociedade temos que sentirnos orgullosos de conservar nos nosos montes ao lobo ibérico e temos a obriga de dar un paso ao fronte esixindo a súa conservación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Yeri

Sorte coa reclamacion. Esperemos que algun dia, os da Xunta de Galicia, e o resto de responsables do exterminio dos lobos do Barbanza, paguen polo que fixeron.