Temas: FRASEOLOXíA

Xeitos de dicir galegos equivalentes ó castelán “llover a cántaros” (1ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 17/05/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Na terra da chuvia non podiamos por menos ca dispor dunha gran cantidade de voces para denominala, e abofé que, nesta mesma liña, tamén contamos con moitos xeitos de dicir para manifestarmos que cae unha gran cantidade de auga, entre eles os seguintes:

Imaxe da praza de Zorrilla durante a treboada
Imaxe da praza de Zorrilla durante a treboada
 
  NOTA: imos dividir este artigo en dúas partes a fin de intentar evitar unha saturación ou empacho de información e por ver de que esta poida ser asimilada dun xeito máis fácil, polo que o remataremos na vindeira entrega.

Llover a cántaros

{= Chover moito e con forza.}

Chover a Deus dar

Chover a Deus dar auga

Chover a Deus dala

Chover a Cristo dar

Chover que Deus a botar

Chover que Deus a dar

Chover a arroiar

Chover a ballón # de ballón

Chover a cachón

Chover a callón

Chover a boullón

Chover a mares

Chover a ceo aberto

Chover a retortoiro

Ex.: No se te ocurra salir así de casa, que está lloviendo a cántaros.

Non se che ocorra saír así da casa, que está a chover a Deus dar que está a chover a Deus dar auga que está a chover a Deus dala que está a chover a Cristo dar que está a chover que Deus a bota que está a chover que Deus a dá que está a chover a arroiar que está a chover a ballón que está a chover a cachón que está a chover a mares que está a chover a ceo aberto que está a chover a retortoiro.

● Tamén:

Chover a cuncas # ás cuncas && Chover a caldeiros # a caldeirados # ós caldeirados # a caldeiradas && Chover a baldes && Chover a xerros && Chover a cántaros && Chover a picheis && Chover a carretadas && Chover a canados

● E mais tamén:

Llover a chuzos && Caer chuzos de punta

Chover a chuzos && Chover # Caer chuzos de punta && Chover # Caer auga coma dedos && Chover a trompos

NOTAS:

1. Nas máis destas expresións pódese trocar o verbo chover pola locución verbal caer auga: caer auga a Deus dar; caer auga a Deus dala; caer auga a arroiar; caer auga a cachón; caer auga a mares; caer auga a ceo aberto; caer auga a retortoiro; caer auga ás cuncas; etc.

2. Téñase en conta que nas expresións que contan cunha oración subordinada completiva con verbo en forma conxugada (que nos casos expostos estarían representadas exclusivamente polas secuencias que Deus a dar e que Deus a botar), o verbo conxugado adaptará o seu tempo en función do tempo do verbo principal chover. Para tentar clarear esta encerellada explicación, e ver se somos quen de desenlear un pouco o aparello, velaquí un exemplo concreto:

¡Mimá, está a chover que Deus a # que Deus a bota!

Pero se o verbo principal o pomos en pasado ou en futuro, o tempo do verbo subordinado adáptase en función diso:

O mes pasado choveu que Deus a daba # que Deus a botaba.

Paréceme que vai chover que Deus a vai dar # que Deus a vai botar.

3. Polo que atangue ás locucións chover a/ós caldeirados e chover a caldeiradas, entendemos que caldeirado e caldeirada non fan referencia ó significado que actualmente se recolle no DRAG, senón ó contido que cabe nunha caldeira ou nun caldeiro.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Franco Grande, Xosé Luís: Manuel Leiras Pulpeiro. Obra Completa. Ed. Galaxia, 1970.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martín Sarmiento: Material lexicográfico elaborado por Frei Martín Sarmiento entre 1745 e 1770. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 daarousa

Na Arousa chove a esmadrasar

1 Joseva

que "ballon" esta caendo pola banda de Lalin

1 GalegON

Eu tamén teño escoitado "ballón" cando cae unha boa cantidade de auga.