A oposición critica que o plan da Xunta para reactivar turismo e cultura "fíe todo" ao Xacobeo

Román Rodríguez aposta por "repensar" o Ano Santo e afea as directrices marcadas pola Adminsitración central que, ao seu xuízo, "debilitan Galicia como destino".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2020 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, sinalou que a celebración do Xacobeo do próximo ano debe "repensarse e reorientarse" para que sirva como un motor da "reactivación económica e emocional" de Galicia apoiándose nos sectores do turismo e a cultura.

Así se pronunciou na súa comparecencia ante a Deputación Permanente da Cámara galega celebrada este mércores na que presentou o plan deseñado pola Xunta para reactivar os sectores turístico e cultural e que xerou críticas por parte dos grupos da oposición --PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea (integrado exclusivamente por membros de En Marea)--, que consideran o plan un "refrito" e "insuficiente".

O titular de Cultura e Turismo, que comparecía por petición propia ante o órgano interino do Lexislativo galego, que este mércores estrea o novo funcionamento pactado polos grupos, debullou as case 50 medidas incluídas no plan, aprobado xa polo Consello da Xunta, que conta cun investimento de 27 millóns de euros.

"O principal obxectivo é axudar as familias que viven da cultura e do turismo", sinalou Rodríguez na súa intervención, na que lembrou que estes dous sectores foron "os primeiros" en parar polo coronavirus e os que teñen un futuro "máis incerto" ante a caída da demanda e as perspectivas sanitarias dos próximos meses.

Por iso, defendeu un plan que, segundo Rodríguez, pon o foco en medidas "de choque inmediato" que garantan a continuidade de empresas e o "mantemento" dos postos de traballo a través dunha reorganización dos orzamentos da consellería para este ano e coa chegada do Xacobeo o ano próximo, unha cita que, para a Xunta, pode servir para relanzar o turismo e o tecido cultural. Todo iso nunha intervención na que cargou contra a xestión do Goberno central, ao que acusa de "xerar confusión" no sector turístico e hostaleiro, así como de "abandonar" ao mundo da cultura.

"DÚAS VELOCIDADES"

En concreto, o conselleiro detívose nas directrices marcadas pola Adminsitración central para o sector turístico que, ao seu xuízo, "debilitan Galicia como destino" porque "non vai poder presentarse como seguro de forma integral". Neste sentido, mantén que a creación dun selo "de pago" para as garantías sanitarias supón "un novo gasto" para os establecementos e xerará "desigualdade" entre os negocios ao articular un modelo de "dúas velocidades".

Fronte a iso, segundo Rodríguez, a Xunta pretende "acordar protocolos" que poidan "ser asumidos pola totalidade" dos establecementos para potenciar a "confianza" no consumidor en aras de vender Galicia como un "destino seguro". Para isto, a Administración autonómica reserva 5 millóns de euros de investimento.

O responsable autonómico referiuse a un plan que, con 24 iniciativas e 11 millóns de euros, ten como obxectivo fomentar en Galicia "un turismo de autor" que se centrará nos próximos meses en captar visitantes do resto de España e Portugal, aínda que advertiu que o foco de todos os destinos estará posto na captación de turismo interno.

Un dos mercados nos que a Xunta centra parte do seu plan é no turismo de congresos, que deberá, como o resto, adaptarse á "nova realidade". Neste sentido, avanzou a publicación este xoves dunha orde pola que se ampliarán os prazos para a celebración duns 50 eventos na última parte do ano, unha acción para a que o Goberno galego reserva medio millón de euros.

Outro dos eixos sobre os que se apoia o plan da Xunta é, como apuntou Rodríguez no Lexislativo galego, apoiar o sector empresarial e manter o emprego turístico con medidas de financiación para produtos comprados en axencias de viaxes ou a potenciación do turismo local. Tamén contempla un programa, chamado 'Bono solidario', co que se outorgarán "paquetes turísticos" a profesionais "vinculados á loita contra o coronavirus" nos dous últimos meses.

XACOBEO E SECTOR CULTURAL

Por outra banda, o plan recolle once medidas para revitalizar o sector cultural dotadas cun orzamento de 10 millóns de euros que se divide en catro liñas de actuación: a "activación" das industrias culturais --con partidas específicas para o libro (2,3 millóns), audiovisual (4 millóns) ou artes escénicas (1,8 millóns)--, o "mantemento" do emprego coa creación dun fondo cultural, o fomento do consumo de produtos galegos e medidas de "formación" para os traballadores do sector.

En canto ao Xacobeo, Román Rodríguez recoñeceu a necesidade de "repensar" o modelo das actividades e accións do Ano Santo, e avanzou que o de 2021 será "o máis galego da historia" con "un obxectivo fundamental: a reactivación económica e emocional de Galicia".

Todo iso "sen renunciar ao carácter internacional" da cita, aínda que entendéndoa como "unha oportunidade para fortalecer o consumo propio" e crear "novas sinerxías entre cultura e turismo" coa posta en marcha de "produtos mixtos que impacten en ambos os ámbitos".

OPOSICIÓN

Pola súa banda, os grupos da oposición criticaron un plan que cren "un parche" que "se limita" a reordenar partidas dos orzamentos da Consellería de Cultura e que provocou "o rexeitamento" dos profesionais dos sectores, especialmente nos do mundo da cultura, segundo expuxeron.

Durante o debate, o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, tachou o plan de "exercicio de botafumeiro, de propaganda" que se limita a "ofrecer datos e cifras para pasar o tempo e entreter á cidadanía, non para solucionar os problemas do sector". Para Caballero, a crise á que se enfronta o turismo e a cultura de Galicia "non se palia" coas medidas que establece un plan dunha consellería que, segundo o socialista, "mestura turismo e cultura", dous campos que, como prometeu, estarán separados se se produce un cambio na Xunta.

A deputada de Común da Esquerda, Ánxeles Cuña, lamentou que o plan "fíe todo" ao Xacobeo, un evento que, como incidiu, verase condicionado pola crise do coronavirus. "Non é consciente de que cae o seu plan estrela, e con el vén todo abaixo", apostilou. Neste sentido, advertiu que, aínda que a situación "é tráxica", tamén supón unha "oportunidade" para "cambiar a paradigma" do turismo e a cultura, cos que, segundo Cuña, "non se contou" para a elaboración deste plan.

Para a líder do BNG, Ana Pontón, o plan é "enganoso", carece de medidas "de alcance" e chegou a ser trasladado aos grupos en sede parlamentaria "15 días despois de ser presentado nas homilías de Feijóo na TVG". Segundo a portavoz nacional do Bloque, trátase dun "parche" que consiste en "medidas xa previstas" que, ademais, "non foron faladas" co sector, ademais de "esquecer" algunhas cuestións como protocolos de seguridade e hixiene para os eventos culturais.

Por último, Davide Rodríguez (En Marea) botou en falta na intervención de Rodríguez unha mención ao Día das Letras Galegas que se celebra este sábado, á vez que demandou á Xunta que cambie a súa forma de operar no mundo cultural, no que se centra en traballar "con empresas de contratación" mentres "deixa ao carón" a asociacións e colectivos.

O consellerio de Cultura, Román Rodríguez, en sede parlamentaria. XUNTA
O consellerio de Cultura, Román Rodríguez, en sede parlamentaria. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta