Un estudo sinala diferenzas na infección por coronavirus en Europa e Asia

Unha investigación con 1.420 pacientes leves e moderados de 18 hospitais europeos, incluído o de Santiago de Compostela, sitúa a dor de cabeza e a perda de olfacto como os síntomas máis comúns, seguidos da obstrución nasal, tose, fatiga, dor muscular, rinorrea, disfunción gustativa e dor de garganta.

Por Alberto Quian | Madrid | 19/05/2020 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Máis de 50 médicos europeos recompilaron datos clínicos confirmados por laboratorio de pacientes con infección por Covid-19 de leve a moderada (aqueles que non requiren hospitalización en unidades de coidados intensivos). Os datos foron recompilados entre o 22 de marzo e o 10 de abril por médicos de 18 hospitais de Francia (París, Marsella), Italia (Milán, Verona, Nápoles, Xénova, Florencia, Forli), España (Sevilla, Santiago de Compostela, San Sebastián), Bélxica (Mons, Bruxelas, Charleroi, Saint-Ghislain) e  Suíza (Xenebra). En total, 1.420 pacientes dos que se obtiveron datos epidemiolóxicos e clínicos que permiten aproximarse á realidade desta enfermidade en Europa.

Coronavirus.
Coronavirus.

“A presentación clínica de Covid-19 de leve a moderada varía substancialmente segundo a idade e as características sexuais dos pacientes. A perda de olfacto parece ser un síntoma importante subestimado da infección de leve a moderada por Covid-19”, resumen os investigadores, que destacan diferenzas entre os datos obtidos en Europa e Asia en enfermos infectados con  SARS- CoV-2.

A duración media dos síntomas de Covid-19 en curados con síntomas leves e moderados foi de 11,5 días, e a prevalencia variou significativamente segundo a idade e o sexo

Entre os 1.420 casos analizados, os síntomas máis comúns foron dor de cabeza (70,3%), perda do olfacto (70,2%), obstrución nasal (67,8%), tose (63,2%),  astenia (63,3%),  mialxia (62,5%), rinorrea (60,1%), disfunción  gustativa (54,2%) e dor de garganta (52,9%). Mentres que en menos da metade dos enfermos informouse de cadros de febre (só un 45,4%).

A duración media dos síntomas de Covid-19 en pacientes curados con síntomas de leves a moderados foi de 11,5 días. E a prevalencia dos síntomas variou significativamente segundo a idade e o sexo. Así, os pacientes máis novos mostraron máis problemas de oído, nariz e garganta, mentres que os máis maiores a miúdo presentaban febre, fatiga e perda de apetito.

A perda do olfacto, a dor de cabeza, a obstrución nasal e a fatiga foron máis frecuentes nas mulleres.

A perda do sentido do olfacto foi un síntoma crave en pacientes con Covid19 de leve a moderada e non se asociou con obstrución nasal e rinorrea. Esta perda do olfacto persistiu polo menos 7 días despois da enfermidade no 37,5% dos pacientes curados.

DIFERENZAS ENTRE EUROPA E ASIA

A importancia desta investigación radica no feito de que “ata o de agora non existía un estudo clínico que describise as características epidemiolóxicas e clínicas dos pacientes europeos de Covid-19 de leve a moderada”, afirman os seus autores.

Ao comparar os seus resultados cos obtidos por outros científicos, observaron que “a presentación clínica europea parece diferente da informada en Asia”, onde estudos con pacientes hospitalizados e non hospitalizados identificaron como principais síntomas da enfermidade febre, tose, dispnea e fatiga.

Estas diferenzas, sumadas a que parece haber “tres variantes distintas de Covid-19, que representan grupos de infección en Estados Unidos e Australia (Tipo A), China e Asia Oriental (Tipo B) e Europa (Tipo C)”, fan pensar aos científicos europeos que “pode haber diferenzas epidemiolóxicas significativas entre a enfermidade asiática e europea con respecto, por exemplo, á taxa de propagación da enfermidade e a mortalidade”.

“A presentación clínica europea parece diferente da informada en Asia”, o cal podería deberse, entre outras causas, "a diferenzas no patrón xenético do virus"

Para explicar as diferenzas entre a poboación europea e a asiática, os científicos manexan tres hipótese. A primeira, que “os estudos asiáticos só incluíron pacientes hospitalizados, os cales probablemente foron máis afectados pola enfermidade (pacientes de moderados a severos), polo que “a infección pulmonar e os síntomas relacionados (dispnea, febre) serían máis frecuentes”.

En segundo lugar, e en base a outros estudos, cren que “as diferenzas entre ambas as rexións do mundo, especialmente sobre disfuncións olfactivas e gustativas, poderían estar relacionadas con diferenzas no patrón xenético do virus (mutacións potenciais)”.

Por último, destacan que “o  polimorfismo ben establecido na expresión da encima  convertedora de anxiotensina 2 (ACE2) nos tecidos humanos tamén pode explicar as diferenzas clínicas”.

O ACE2 é unha encima presente en diversos órganos e é a porta de entrada que utiliza o virus SARS-CoV-2 para coarse nas células humanas, infectalas e comezar a súa diseminación polo organismo. Os investigadores europeos subliñan que estudos de laboratorio suxeriron “diferentes  polimorfismos de ACE2 e niveis de expresión entre as poboacións asiáticas e europeas” infectadas con este coronavirus.

DIFERENZAS ENTRE HOMES E MULLERES

A investigación realizada con 1.420 infectados leves e moderados en Europa tamén constata diferenzas entre homes e mulleres.

“Os nosos datos corroboran as investigacións que demostran as diferenzas entre homes e mulleres na resposta inmune á infección por Covid-19 e as enfermidades inflamatorias”, conclúen os autores do estudo.

“Parece que as mulleres, en comparación cos homes, son menos susceptibles de ter complicacións relacionadas con infeccións virais baseadas nunha inmunidade innata diferente"

Segundo os seus datos, “parece que as mulleres, en comparación cos homes, son menos susceptibles de ter complicacións relacionadas con infeccións virais baseadas nunha inmunidade innata diferente, hormonas esteroides e factores relacionados cos cromosomas sexuais”, precisan.

Máis detalladamente, explican que “os xenes inmunorreguladores codificados polo cromosoma X feminino poden causar niveis máis baixos de carga viral e, por tanto, menos inflamación en comparación cos pacientes masculinos”.

Os datos revelaron que as diferenzas de xénero son substanciais na perda de olfacto, sendo “as mulleres máis susceptibles de desenvolver disfunción olfactoria posinfecciosa”.

Tamén destacan que “os diferentes patróns de desenvolvemento e recuperación das disfuncións gustativas e olfactivas atopadas” na poboación estudada “rexeitan a hipótese de que a perda reportada do gusto reflectiría só a perda do sabor debido á disfunción olfactoria, e suxire unha verdadeira disfunción  gustativa”.

“Os trastornos olfactivos e gustativos poderían estar relacionados co potencial neuroinvasivo do SARS-CoV-2, que pode ser máis frecuente en pacientes europeos debido a unha maior expresión de ACE2 na mucosa nasal”, argúen.

Este estudo foi impulsado polo Grupo de traballo Covid-19 da Federación Internacional de Sociedades de Otorrinolaringoloxía e publicouse na revista científica Journal of  Internal Medicine.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lazarus

Todo isto das diferncias ten base xenetica (pobo yamnaya o orixe dos indoeuropeos e a sua invasión en europa vai 4.000 años a.c)