Xunta e colexios de veterinarios elaboran un protocolo de limpeza para animais de compañía ante a COVID-19

Insisten en que non hai evidencia científicas de que esta enfermidade se poida contaxiar a través dos animais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os colexios veterinarios de Galicia colaboraron na elaboración dun protocolo de hixiene e limpeza dos animais de compañía fronte á COVID-19, un documento que inclúe recomendacións para profesionais e propietarios de mascotas.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reúnese co presidente dos colexios veterinarios de Galicia
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reúnese co presidente dos colexios veterinarios de Galicia | Fonte: Xunta.

Segundo explicou a Consellería de Medio Ambiente, a idea do protocolo, que este xoves analizaron por videoconferencia a conselleira Ángeles Vázquez e o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Luís Núñez, xorde para extremar as medidas de hixiene e limpeza ante a alerta sanitaria. Con todo, insistiu en que non hai evidencia científicas de que esta enfermidade se poida contaxiar a través dos animais.

En canto ao contido do documento, a Xunta detallou que se tiveron en conta catro aspectos principais: a necesidade de empregar produtos adecuados para limpar a pel e as mucosas dos animais, considerando que moitos desinfectantes poden ser nocivos para eles; as medidas hixiénicas a tomar ante a saída dos animais á vía pública; o protocolo recomendado á hora de acudir a un centro veterinario; e as medidas hixiénicas respecto dos animais que conviven con persoas positivas en COVID-19.

O departamento da Xunta lembrou que as saídas á rúa cos cans foi un dos aspectos que desde a declaración do estado de alarma suscitou máis dúbidas e consultas por parte da poboación.

Neste sentido, o protocolo recolle as principais recomendacións que desde o inicio fixo públicas a Consellería, como realizar as saídas imprescindibles, evitar contactos, recoller os excrementos e limpar a zona na que o animal fixo as súas necesidades, limpar ao volver a casa o pelo, a pel e todas as partes do animal que estivesen en contacto coa vía pública con auga e xabón ou con produtos que non sexan nocivos.

VISITAS AO VETERINARIO

Polo que respecta ás visitas aos centros veterinarios, que durante todo o estado de alarma permaneceron dispoñibles para prestar atención sanitaria que fose necesaria, aconséllase aos donos pedir sempre cita previa, acudir só co animal e respectar a distancia de seguridade en todo momento.

Pola súa banda, aos veterinarios pídeselles que separen as citas para evitar a posible concentración de persoas e animais nas instalacións das clínicas.

Por último, o documento elaborado entre a Consellería e o Consello Galego de Colexios Veterinarios aborda as medidas hixiénicas aconsellables respecto dos animais que conviven con enfermos de coronavirus.

Sobre esta cuestión, o protocolo recolle que debe evitarse o contacto entre os positivos con COVID-19 e os animais de compañía pero no caso de que non sexa posible, terán que respectarse todas as medidas de corentena e illamento que se manteñan respecto das persoas.

"Isto é empregar máscara e lavar as mans con frecuencia, así como outros utensilios que estean en contacto co animal", sinala a Xunta, que lembra que cando a mascota que convive co enfermo deba ir ao veterinario, haberá que informar o persoal da clínica para que adopte as medidas oportunas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta