Incerteza e temor; o sector turístico galego en alerta ante un verán sen garantías

O sector turístico galego esperaba un verán con cifras superiores ao de 2019, mais o estado de alerta eliminou todas as expectativas dun golpe. A incerteza é a sensación predominante agora mesmo entre o empresariado hostaleiro galego. Apuntan a improvisación do Goberno central e a falta de concreción nos acordos asinados con empresarios e sindicatos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/05/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O turismo galego esperaba ter números moi superiores aos que tivera durante o verán de 2019. Tamén tiñan en conta que o 2021 é ano Xacobeo e iso provocaría un efecto chamada de cara a afluencia de persoas. Mais coa COVID-19 e o estado de alarma acabou coas expectativas de todo o sector dunha maneira imprevista. Aínda que moitos establecementos si poden acollerse a ERTE, o empresariado hostaleiro non cre que a situación poda seguir máis alá de fin de ano, porque entón, deducen, moitos locais terán que botar o peche definitivo.

Un home de idade avanzada nunha terraza da capital da Coruña. M. Dylan - Europa Press
Un home de idade avanzada nunha terraza da capital da Coruña. M. Dylan - Europa Press


A PRIMEIRA FASE

As terrazas poden abrir, hai que manter distancias de seguridade, non superar determinado aforo e non pode haber aglomeracións. Sáelles a conta aos hostaleiros abrir en condicións semellantes? “A primeira fase de desescalada ofreceu un panorama en que só o 2% dos locais turísticos abriron” di Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.

Cesáreo Pardal cre que as medidas que foi sacando o Goberno central “son unha guía e así non se incentiva o sector porque esas medidas non son claras”. Isto ademais, segundo o presidente do Clúster, é unha maneira de que o público tarde en recuperar a confianza. Por tanto, Pardal deduce que as cousas non mellorarán se se segue ao ritmo actual de apertura.

Todo isto caeu ás portas do Xacobeo 2021 e foi un freo de cara a mellorar as cifras do ano pasado, aínda así, esperamos poder salvar o verán”, apunta César Ballesteros, presidente da Federación de Empresarios da Hostalaría da provincia de Pontevedra. O grande temor que ten o empresariado hostaleiro pontevedrés é a posible caída en tráfico aéreo internacional en Porto. “A maioría dos turistas que chegaban aí facían o Camiño Portugués, un fluxo moi importante para Pontevedra”.

MEDIDAS DO GOBERNO, NON SON ABONDO

A sinatura do acordo para prorrogar os ERTE ata o 30 de xuño non parece ter satisfeito a boa parte do sector hostaleiro en Galicia. Se en situación de ERTE o Goberno central asume o custe da Seguridade Social, aquelas empresas que máis adiante soliciten un ERE (Expediente de Regulación de Emprego) terían que afrontar ellas os custes da SS.

“Temos moitas dúbidas, o acordo entre patronal, sindicatos e Goberno non aclara por exemplo se as empresas deben pagar o 40% da SS dos traballadores en ERTE”, sinala César Ballesteros. O presidente dos hostaleiros pontevedreses apunta á improvisación do Goberno como un factor determinante da incerteza que vive o sector nestes momentos. “Esta situación non pode chegar máis lonxe, estimamos que o Goberno ten unha capacidade económica limitada”.

Cesáreo Pardal vai un paso máis alá afirmando que “non podemos facer fronte a esta situación co modelo proposto polo Goberno”. Se se cumpren as normas laborais para preservar durante seis meses os postos de traballo finalizado o ERTE, Pardal cre que boa parte do empresariado non poderá afrontar custes en salarios. “Necesitamos flexibilidade dentro das medidas, así non podemos ir cara a recuperación do sector”.

POSIBLES SOLUCIÓNS

O goberno italiano anunciaba a posibilidade de crear unha serie de bonos de 500€ para que as familias os gastasen en turismo interior. Mesmo o goberno de Giuseppe Conte falaba de estender ditos bonos ata decembro. A idea, salvar o que se poda dun mal ano turístico.

Preguntado o presidente do Clúster do Turismo de Galicia sobre unha idea semellante aplicada no caso español, a resposta é que “non sabemos se sería posible, mais se se puidese facer por parte do Goberno central ou da Xunta, nós aplaudiriamos esa iniciativa”. César Ballesteros sobre novas iniciativas para reflotar o sector turístico e hostaleiro, condiciona a súa aparición ás maneiras de facer das autoridades. “Agora poden abrir as terrazas, mais as condicións en como podían facelo apareceron xusto o día antes de abriren”.

Tanto o representante dos hostaleiros pontevedreses como o presidente do Clúster do Turismo coinciden en que o sector non está representado na mesa onde se toman decisións. “A ministra de Industria e Turismo non está presente na toma de decisións, cando o turismo era o sector industrial máis consolidado” di Pardal. “Non hai representantes do sector nas mesas de análise do Goberno e insisto, as medidas chegan con desorde” remarca Ballesteros.

O turismo en Galicia está pendente de como se desenvolva a escalada, mais os empresarios demandan flexibilidade e representación propia nas mesas de decisión. Por outra parte, tampouco verían mal que as administracións achegasen iniciativas fomentando o gasto turístico mediante incentivos.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

levamos varias semanas buscando unha resposta sencilla a unha pregunta sencilla, ao mellor se pagaran os ERTE dunha vez logo de 68 días con estado de alarma igual a xente podería gastar en algo que non foran mascaritas ! https://twitter.com/00Gamela/status... Seica esta tarde van ter un debate en Vigo... evidentemente non será en Localia (esa canle está reservada para uso exclusivo do alcalde e demáis membros do goberno local, non sabemos canto pagan por ter voz propia e canle propia) ? Saúde e moitas mascaritas !

1 Gamela

Nin siquera falaron dos ERTE, limitáronse a repetir a mesma melodía sobre o malo que é o alcalde tramitando o PXOM mentras todo o mundo vive confinado e non pode presentar alegacións a un plan que deseñará o futuro da cidade por 20 anos... e logo tentaron facer unha porra para ver como lles ían sair as eleccións galegas.... A pregunta dos ERTE nin siquera a plantexaron... ¿Para que serven os medios de IN-comunicación social nestes días? Para marear á xente imitando medios audivisuais tipo Operación Triunfo (?) Maldita Política de Postureo !!!