O Concello de Pontevedra ofrece a súa colaboración para a 'desescalada' das residencias de maiores

O alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores quixo agradecerlle persoalmente ás directoras que ningunha das tres residencias da terceira idade de Pontevedra rexistrase ningún caso nin de contaxio nin de falecemento por COVID-19.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 21/05/2020 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, trasladou ás directoras do tres residencias de maiores da cidade a colaboración do Concello na 'desescalada' das medidas de confinamento para as persoas destes centros. Na actualidade a residencia de maiores de Campolongo ten 95 usuarios, a residencia Soremay ten 82 e a residencia Saraiva ten 38.

Nunha reunión celebrada este xoves, Fernández Lores quixo agradecerlle persoalmente ás directoras que ningunha do tres residencias da terceira idade da cidade de Pontevedra rexistrase ningún caso nin de contaxio nin de falecemento por COVID-19.

Desta circunstancia, o alcalde destacou que "estas cousas non son casualidade, teñen moito que ver coa profesionalidade, con manter as medidas de seguridade e con estar en contacto coa xerencia da área sanitaria de Pontevedra desde o primeiro momento, para o intercambio de información e de impresións para tomar as mellores medidas posibles".

No encontro presencial desta mañá participaron, xunto ao rexedor, a concelleira Carmen Fouces, ademais de Rocío Pidre, directora e Concha Ocampo, médico da residencia Soremay; María Teresa Caneda Triñanes, directora-administradora da residencia de maiores de Campolongo, e Lucía Saborido, directora da residencia Saraiva.

Ademais de felicitalas polo traballo e polo esforzo, o rexedor da capital ofreceu toda a colaboración do Concello coa entrada en vigor da Fase 2, previsiblemente a partir da próxima semana, coas primeiras saídas das persoas residentes.

Ante este escenario, o alcalde incidiu nun maior coidado na limpeza e desinfección das proximidades das residencias e apoio en cuestións de seguridade, a través de Protección Civil ou Policía Local, para garantir as distancias de seguridade no espazo público das contornas dos centros de maiores. Ademais, fixo un chamamento á cidadanía "para que teñan en conta" estas saídas das persoas maiores despois de dous meses e medio, "e que o teñan en consideración".

Fernández Lores volveu a lembrar que a área sanitaria de Pontevedra tivo unha porcentaxe máis baixa que outras áreas en canto a incidencia da COVID-19 e que isto é debido ao traballo das persoas profesionais, das Administracións competentes e ao "comportamento exquisito dunha grandísima maioría da poboación que mantivo as normas".

COMPROMISO, RESPONSABILIDADE, PACIENCIA E HUMOR

Segundo coincidiron en sinalar as responsables destes centros de maiores, foi catro as claves para afrontar con éxito esta crise sanitaria: compromiso, responsabilidade, paciencia e humor.

María Teresa Caneda relatou como "ao principio foi unha tolemia, con moito medo e incerteza". "Pero o máis importante para conseguir que non houbese ningún contaxio foi o esforzo grandísimo do noso persoal, cunha disposición de traballo e cunha responsabilidade persoal pola súa banda extraordinaria", asegurou.

Outro aspecto que destacaron foi o comportamento das persoas residentes ante todos os cambios levados a cabo para manter as medidas de seguridade. Rocío Pidre subliñou a "paciencia e sentido do humor" de todos os residentes a pesar de ter que adaptarse a todos estes cambios, porque se reestruturou "de arriba a abaixo o funcionamento da residencia para que o contacto sexa mínimo e, aínda así, conservan o sorriso".

Tamén o papel das familias foi mencionado pola súa "comprensión e apoio" en canto suspendéronse as visitas para garantir a seguridade e minimizar risco de contaxio.

Por último, tamén tiveron palabras de agradecemento para as persoas responsables da área sanitaria. Así, en palabras de Lucía Saborido, "o contacto coa Xerencia da área sanitaria, as reunións que tivemos, o apoio e a coordinación foi unha das pezas crave para que funcionase todo moi ben".

Miguel Fernández Lores
Miguel Fernández Lores

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta