A Xunta reclama mobilidade entre provincias para municipios limítrofes, visitar familiares e ir a segundas residencias

A Consellería de Sanidade volve solicitar ao Goberno algunhas concesións que permitan "flexibilizar a mobilidade" no territorio galego, aínda que non se conceda a circulación total.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/05/2020 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

Tras coñecerse que Galicia pasará á fase 2 a partir do luns, pero que os galegos seguirán sen poder circular entre provincias, a Consellería de Sanidade volveu solicitar ao Goberno algunhas concesións que permitan "flexibilizar a mobilidade" no territorio, aínda que non se conceda a circulación total.

Paseo de Samil, en Vigo
Paseo de Samil, en Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

En concreto, o Goberno galego reclamou que se permita a mobilidade entre concellos limítrofes de provincias diferentes —un total de 73—, que se autorice pasar a noite en segundas vivendas doutra provincia diferente á de residencia habitual e que sexa posible visitar a familiares de ata segundo grao que vivan noutras demarcacións provinciais.

Así o concretou este sábado o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nunha entrevista na Radio Galega na que tamén manifestou que esta petición foi trasladada ao Ministerio de Sanidade o venres e sobre a espera obter unha resposta "nun Boletín Oficial do Estado (BOE) extraordinario nas próximas horas".

"Galicia, con 300 concellos que nos últimos tres días non reportaron ningún caso, indica unha situación moi estable con moi escasa presenza de virus, polo que a mobilidade entre distintas áreas non tería risco", sinalou o conselleiro, á vez que recoñeceu que "para o Goberno é máis cómodo desde o punto de vista do control" manter "a maior parte da poboación nunha mesma situación".

Por este motivo, "se non pode ser a mobilidade total en Galicia, que sería máis comprensible para a poboación, pedimos mobilidade entre concellos limítrofes, ver a pais e avós e poder acudir a unha segunda residencia para pasar a noite polo menos unha noite".

AS PRAIAS: MENOS HORAS E SEN AGLOMERACIÓNS

A pesar de que o Goberno galego realice estas reclamacións amparándose na escasa circulación do virus por todo o territorio, é consciente de que a cidadanía debe "seguir comportándose con este sentido de responsabilidade, aplicar o 'sentidiño galego' e evitar as aglomeracións de xente, manter a distancia física de dous metros", así como "a hixiene de mans e hixiene respiratoria".

Vázquez Almuiña lembrou que esas medidas foron as que "nos fixeron chegar ata aquí" e que "non deben deixarse atrás" se o obxectivo é "seguir nunha boa situación epidemiolóxica", polo que hai que "ter especial coidado".

Agora que se permitirá o baño nas praias, o máximo responsable de Sanidade advertiu que non será posible "volver á situación do ano pasado, cando as praias supuñan a concentración de moitísima xente".

"Haberá que facelo por horas, cun aforamento determinado", precisou. Por tanto, pediu aos alcaldes e alcaldesas que tomen "medidas para establecer normas de seguridade para os espazos comúns, porque o virus segue aí". "En moi poucos días podemos pasar dunha situación basal a un pico. Temos que evitalos" a través dunha actitude cidadá baseada na "concienciación clara sobre o que se pode e non se pode facer", engadiu.

Desta maneira, quixo enviar unha mensaxe á poboación en xeral para "escapar de praias abarrotadas" e buscar aquelas nas que sexa posible "gozar con espazo suficiente". Apuntou a que "haberá que ter un control de aforamento claro" e pasar "menos horas das que pasabamos antes na praia. Imos ter que repartirnos entre todos e se queremos gozar da praia temos que facelo en condicións de calidade e non de cantidade".

GALICIA PEDIRÁ A FASE 3 EN 15 DÍAS

En todo caso "o obxectivo de Galicia" é "pasar á fase 3 dentro de 15 días" xa que o conselleiro considerou que "Galicia non foi un territorio moi golpeado" e debe seguir así para "poder volver á situación de normalidade canto antes".

Desde a súa Consellería teñen claro que "a parte máis importante nesta fase é diagnosticar e illar" aos casos sospeitosos de COVID-19. Os esforzos agora pasan por "cuarentenar os sospeitosos e os seus contactos", establecer un "proceso de diagnóstico precoz" e realizar cribados nos "colectivos de risco de contaxios" como poden ser os sanitarios, pero tamén os farmacéuticos, mariñeiros que se embarcan ou outros grupos de traballadores.

Con este cribado, "a pesar de non ter síntomas", será posible "atopar algún paciente positivo e seguir a mecánica de illamento e estudo de todas as persoas que estiveron en contacto con eles" para así manter a situación que demostran os datos actuais. Aínda que Vázquez Almuiña non esquece que a sanidade galega debe estar "á espreita" porque "o problema de que apareza un caso é que poida circular libremente".

Neste sentido, lembrou que o virus "non ten aínda unha fronte como a inmunización natural ou unha vacina. Non hai que baixar os brazos, hai que manter a distancia física de seguridade, a hixiene de mans e seguir pensando que non vencemos" á enfermidade aínda.

Para combatela, o conselleiro asegurou que o Sergas manterá "o reforzo de persoal contratado para a pandemia polo menos ata setembro" xa que os sanitarios contratados "estiveron nos momentos difíciles e porque hai que preparar a recuperación da actividade habitual". "Todo este ano e parte do que vén vai ser para tratar de recuperar a actividade, non coa mesma forma pero si cos mesmos resultados", concluíu Vázquez Almuiña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta