A CUT querélase no Supremo contra Grande Marlaska por permitir a manifestación de Vox e non a súa do 1º de maio

Di que isto responde a "intereses electorais" do Goberno central e a súa nova política de pactos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/05/2020 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A CUT acaba de presentar querela criminal no Tribunal Supremo ao considerar que a denegación da súa manifestación do 1º de maio e a posterior autorización á ultradereita de caravanas idénticas constitúe un acto de prevaricación. “Grande Marlaska e a Subdelegación do Goberno de Pontevedra son responsábeis de privar á nosa entidade do seu dereito a manifestarse e autorizar pola contra a VOX en función dos intereses electorais do goberno de coalición”, apunta nun comunicado.

Así, lembra que, a pesar das escusas coas que o Ministerio do Interior autoriza as mobilizacións da ultradereita, a caravana da CUT prohibiuse baixo o exclusivo argumento de que o artigo 7 do Real Decreto polo que se declara o estado de alarma impide desprazarse en vehículo para manifestarse. Ese impedimento aducido por Interior segue vixente no momento en que se autorizaron os desprazamentos para as manifestacións do pasado sábado 23 de maio da ultradereita.

O sindicato considera que este comportamento administrativo responde aos intereses electorais do goberno central polo “xiro do goberno PSOE-UP á moderación”. A CUT solicítalle ao Tribunal Supremo polo carácter de aforado de Grande Marlaska que determine se esa discrecionalidade e desviación de poder da administración pode constituír un delicto de prevaricación ou de deliberado impedimento do exercicio de dereitos fundamentais, así como que estableza se a autoría de tal decisión é do Ministerio do Interior ou da Subdelegación do Goberno.

“Esta discriminación arbitraria por motivos ideolóxicos e electorais non resulta en absoluto comprensíbel en dereito xa que a Administración non é propiedade privada do goberno de quenda, e moito menos se pode tolerar que o dereito de manifestación se use como moeda de cambio”, conclúe.

Manifestación de Vox na Coruña para pedir a dimisión do Goberno pola súa xestión durante a pandemia.. M. Dylan - Europa Press
Manifestación de Vox na Coruña para pedir a dimisión do Goberno pola súa xestión durante a pandemia.. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

É evidente que están a controlar todo para o seu beneficio http://www.seat.mpr.gob.es/portal/d... De feito permitir as manifas de Vox sáelle a conta ao Goberno: ou eles ou a barbarie (?) Pero o que realmente sucede é que Vox ten a un Abogado do Estado á fronte do seu gabinete de organización e coñece perfectamente o funcionamento das leis e da administración, mentras a CUP e calqueira outro (como os afectados de Paramos en Tui) non teñen nin idea dos recursos contecioso-administrativos (lástima de Villares) // Que os únicos que dean a turra sean os de Vox é moi rentable electoralmente para un Goberno Autoritario ! O malo é que o 12 de xullo a xente votará o que lle pete (?) https://i.gal/gamela23