Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/05/2020 | Actualizada ás 08:25
As demandas dos turistas que queren vir a Galicia pasan polo turismo de proximidade, estadías máis longas, en familia e con atención á limpeza. Así o declara a plataforma AirBNB que afirma ter o dobre de buscas relacionadas coa comunidade galega en datas semellantes outros anos.
Isto tradúcese en que case o 70% do turismo en Galicia este ano virá doutros puntos do Estado. Ademais disto, os galegos e as galegas tamén teñen por preferentes os lugares vacacionais dentro das catro provincias.
Todo isto sucede antes de pasarmos á fase 3 de desescalada e mesmo sen que se poda circular dunha provincia a outra, punto que reclamaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre outras esixencias ao Goberno central de cara ao pase a fase 2 en que está xa Galicia. Por outra banda, AirBNB tamén destaca que este repunte en buscas para as vacacións, se está facendo sen ter en conta cal pode ser o impacto da COVID-19.
O mesmo portal web apunta tamén que esta nova vaga de buscas obrigou a readaptar a oferta para os seus visitantes. Por outra parte, tamén indica cales son os atributos que debera ter o lugar que desexe recibir un número importante de visitas. Entre outros, a localización (que estea perto e sexa accesible), a flexibilidade na reserva, a privacidade e características dos espazos que están en aluguer e os estándares de sanidade e limpeza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.