Baltar, o Rei e as estampiñas do Estado

Nin Baltar é o derradeiro cacique, como algúns medios afirman co gallo da acción xudicial contra o césar ourensán, nin Juan Carlos de Borbón é o principal problema do réxime democrático como suxiren algúns analistas. En principio, o ex-presidente do “cantón” ourensán e o xefe de Estado son personaxes distintas e distantes, pero son figuras complementarias que axudan a comprender a esencia do Estado español.

Por Félix Soria | A Coruña | 09/01/2013

Comparte esta noticia
Baltar é froito dos valores e instrumentos dun pasado non superado a pesar da lonxana morte do ditador, mentres que o Rei é utilizado e déixase utilizar para manter vivo o mito da chamada Transición e, ao mesmo tempo, para lembrar aos cidadáns que compre aceptar esta España, ¡ou imos ao carallo!...
 
Baltar é o arquetipo da autoridade nun Estado que permite (ás veces, mesmo favorece) o clientelismo político-económico. Os baltares de Ourense e doutras xeografías de España son “naturais” nunha sociedade na cunha elevada porcentaxe dos cidadáns consideran lóxico ou inevitábel que as relacións e os intereses persoais condicionen a vida e as decisións institucionais (cousa habitual nas deputacións, pois trátase de corporacións sen utilidade real no federalizante Estado das Autonomías).
 
Os baltares galegos e españois existen en grande medida grazas aos contratados a dedo e ás empresas que obteñen adxudicacións sen concurso e, pola súa banda, o xefe de Estado é a figura que mellor representa a artificiosidade dun Estado cuxas institucións (poderes lexislativo, executivo e xudicial) dedican máis intelixencia e forzas á coidar a imaxe que á modernización das leis, a gobernar para a maioría, ou a facer xustiza cando compre facela.
 
Desde a Xefatura do Estado ata o goberno do concello máis pequeno, o Estado español é unha máquina verticalista cuxa tarefa fundamental é manter ao seu servizo aos xestores e aos dirixentes políticos, tamén aos elexidos nas urnas a partir de 1977, pois a Transición non cambiou os instrumentos nin a maioría das leis do réxime anterior, senón que adaptou a máquina ao novo deseño institucional e, por riba, mantivo vixentes e impuxo total o parcialmente “os valores de sempre”. 
 
Baltar non é o derradeiro cacique e o Rei tampouco é o único nin o principal responsable de cunha elevada porcentaxe de cidadáns aplaudan aos "listos" e aos profesionais do corporativismo político-económico.
 
Baltar e o Rei de España representan con alto grao de fidelidade dous fenómenos que teñen fondas raigames na sociedade e que son complementarios: o individualismo e o medo ao futuro, respectivamente.
 
A sociedade ourensana non vai cambiar porque a Xustiza mellore a súa imaxe procesando a un “listo” xubilado, nin o Estado será máis eficiente porque o Rei recupere o creto popular perdido.
¿É suficiente imprimir estampiñas para que os cidadáns manteñan viva a súa fe no Estado?: Non. O saben, pero nese escenario é máis doado elaborar “razóns” polas que convén privatizar os bens e os servizos públicos…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/