Temas: FRASEOLOXíA

“Facer # Dar os seus pereiriños”, equivalente ó castelán “hacer # dar sus pinitos”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 30/05/2020 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Inda que nesta ocasión nos adentremos máis ben no terreo do léxico ca no fraseolóxico puramente dito, ímoslles dar un repaso ós xeitos de dicir que temos en galego para manifestarmos que alguén realiza as súas primeiras experiencias, intentos ou ensaios nunha actividade que require práctica, para o cal en castelán se adoita empregar a locución hacer # dar sus pinitos:

Imaxe da parroquia de Nespereira, en Pazos de Borbén
Imaxe da parroquia de Nespereira, en Pazos de Borbén

Hacer # Dar sus[mis, tus...] pinitos

{= Realizar alguén as súas primeiras experiencias, intentos ou ensaios nunha actividade que require práctica.}

Facer # Dar os seus[meus, teus...] pereiriños

Ex.: Fue a principios de los años setenta cuando dio sus pinitos en la música.

Foi a primeiros dos anos setenta cando deu os seus pereiriños na música.

● Tamén, se cadra como deturpación da anterior expresión:

Facer # Dar # Ter os seus[meus, teus...] penouguiños

● Tamén, nos máis dos contextos:

Hacer # Dar sus[mis, tus...] primeros pasos

Facer # Dar # Ter os seus[meus, teus...] primeiros pasos

● Tamén, máis ou menos axeitadas en función dos contextos:

Hacer # Dar # Tener sus[mis, tus...] comienzos # inicios # principios

Facer # Dar # Ter os seus[meus, teus...] comezos # encomezos # empezos # inicios # principios

NOTAS:

1. Malia non vir especificamente ó caso en relación co contido do presente artigo, e dado que non hai moito fun inquirido acerca do porqué de escoller na escrita a contracción ó/ós (e non ao/aos), así como tamén acerca de cal era o motivo de reflectir practicamente sempre os signos de encomezo ou abertura de interrogación e exclamación, vou a aproveitar a pouca extensión do presente artigo e fornecer agora a correspondente explicación:

a) Polo que atangue á opción de empregar na escrita, para a contracción da preposición a + artigo determinado o/os, a forma ó/ós, e non ao/aos, a razón é ben sinxela: para que calquera persoa que lea estes artigos non teña a máis mínima tentación de realizar a pronuncia [ao], senón a propia galega [ɔ] (“o aberto”).

Adoptando, en relación con esta actitude, unha aclaración se cadra un tanto máis académica, poderíao resumir do seguinte xeito:

O encontro da preposición a cos artigos masculinos o/os resólvese na escrita coma ao/aos ou como ó/ós. Xa que logo, á hora de escribir podemos optar por calquera destas dúas posibilidades; non obstante, cómpre ter en conta que, sexa cal for a representación escrita que adoptemos, a pronuncia que resulta correcta é sempre a de [ɔ] (“o aberto”), que é a única que se rexistra en practicamente todo o dominio lingüístico galego, e non a de *[ao], MALIA QUE ESTA ÚLTIMA XA NON É RARO ESCOITALA TANTO NUN NÚMERO CADA VEZ MAIOR DE PERSOAS (MESMO EN CERTOS CASOS GALEGOFALANTE DE SEU) COMA EN MEDIOS DE COMUNICACIÓN.

b) No que atinxe ó porqué de grafar decote os signos de abertura da interrogación e da exclamación, e partindo da base de que sigo o modelo de norma oficial, recoñezo que neste caso concreto estiro ou flexibilizo (en consonancia co meu parecer de que un dos criterios que debería guiar calquera normativa dun idioma é o de lles facilitar ó máximo ós seus empregadores a utilización do mesmo, entre outras cousas evitando na medida do posible todo aquilo que, tendo doada solución, lles poida supor un atranco ou esforzo engadido na súa descodificación –e respectando sempre, por suposto, as características e peculiaridades propias do dito idioma–) o teor das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que din, ó respecto, o seguinte:

«A entoación interrogativa ou exclamativa márcase ao final do enunciado por medio dos signos ? e !, respectivamente [...]. Para facilitar a lectura e evitar ambigüidades poderase indicar o inicio destas entoacións cos signos ¿ e ¡, respectivamente

Eu entendo que practicamente sempre (unicamente podería non ser así nos casos de secuencias interrogativas e exclamativas moi curtiñas, onde o signo de interrogación e interxección final é case indefectiblemente perceptible des que se comeza a ler o enunciado) se facilita a lectura cos signos de interrogación e exclamación iniciais, dado que na escrita moitas veces non temos outro xeito de identificar o inicio dunha mensaxe interrogativa ou exclamativa. De feito, non é a primeira vez –e case con toda certeza que non vai ser a última– en que naquelas ocasións en que as referidas secuencias presentan unha lonxitude estimable teño que tornar ó principio delas, e volvelas ler, para lles conferir a intención comunicativa axeitada. Así pois, e en resumo, coa plasmación dos signos iniciais de interrogación e exclamación o que busco é evitar este tipo de problemas e incomodidades, facilitando deste modo a lectura e a correcta descodificación, ó dereito, da mensaxe.

2. Nalgunhas das obras consultadas a locución facer pereiriños rexístrase co que coido que son diversas variantes da mesma: facer pireiriños, facer pedreiriños e mesmo facer penouguiños.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XVII, pp. 273-292. Ano 1954. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Otero Álvarez, Aníbal: “Contribución al léxico gallego y castellano”. Archivum (Oviedo), XIII, pp. 49-66. Ano 1963. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Otero Álvarez, Aníbal: Contribución al diccionario gallego. Galaxia, Vigo, 1967. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XXIII, pp. 70-88. Ano 1968. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta