Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/05/2020 | Actualizada ás 14:49
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou que, de acordo cos loitos oficiais decretados pola pandemia tanto en Galicia como en España, na Comunidade galega finalizará este período luctuoso formal o 6 de xuño, e a previsión do Goberno autonómico é organizar para o sábado 13 de xuño un acto de homenaxe aos falecidos e as súas familias.
"Tentaremos que o pobo galego poida expresar os seus respectos e manifestar a súa dor a todas as familias que perderon a un ser querido", sentenciou Feijóo, quen lembrou, como é habitual, ás vítimas, no arranque da rolda de prensa reunión semanal do seu Executivo.
Así mesmo, repasou os datos e subliñou que a media de casos diarios de contaxio na última semana é de seis, polo que a evolución é positiva. "A patoloxía COVID está a ser residual tanto nos hospitais como na UCI", aseverou, tras incidir no descenso dos enfermos e das camas ocupadas tanto en planta como en coidados intensivos.
"O que ocorra a partir de agora depende de nós, da nosa actitude individual e colectiva en postos de traballo, casas e rúas", advertiu o xefe do Executivo autonómico, quen resaltou que "a vacina da distancia física" é a "única medida efectiva". "Se actuamos con responsabilidade, podemos lograr condicións de maior seguridade", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.