Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2020 | Actualizada ás 15:30
O Goberno central anunciou que delgará nos gobernos autonómicos, e no caso de Galicia, na Xunta, o control da desescalada na fase 3. Neste sentido, e tras este anuncio, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou que permitirá a mobilidade dos galegos entre as catro provincias, que é o que xa prevía Madrid para a fase 3.
Na rolda de prensa posterior á reunión co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, e o resto de líderes autonómicos, Feijóo confirmou que, se a próxima prórroga do estado de alarma lle permite "asumir o mando", Galicia "asumirá a propia decisión, no exercicio das súas competencias, de recuperar a mobilidade dentro das catro provincias, as sete cidades e os concellos".
No entanto, apelou a esperar á aprobación do Real Decreto-Lei de ampliación do estado de alarma no próximo Consello de Ministros, xa que ata entón non se vai a coñecer "en que consiste con exactitude a fase 3".
Ademais, Feijóo expuxo, durante a duodécima videoconferencia, a recuperación da normalidade nos desprazamentos entre as eurociudades que comparten Galicia e o norte de Portugal, xa que "non entenden nin comparten, igual que o Goberno galego, esta ruptura das relacións comerciais e turísticas" entre elas. Tamén no ámbito da mobilidade, o titular da Xunta coincidiu co seu homólogo asturiano, Adrián Barbón, en que se retome o tránsito na ponte que conecta Ribadeo (Lugo) e a comunidade veciña.
Paralelo a todo iso, Feijóo apuntou que "algún concello" galego advertiu dunha "notable presenza de persoas que proveñen doutras comunidades autónomas". Así, tras avisar de que esta causa influíu "en boa parte" o inicio da pandemia en Galicia, incidiu na necesidade de que haxa un protocolo estatal fronte a posibles rebrotes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.