Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2020 | Actualizada ás 21:22
Os hospitais de Galicia non comunicaron ningún falecemento ligado ao coronavirus este luns, igual que sucedeu na pasada xornada. Así o ratificaron fontes da Consellería de Sanidade.
O sábado foi cando se rexistrou a última morte en Galicia con esta patoloxía, a dunha muller de 82 anos que permanecía ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). O seu falecemento elevou a 616 as vítimas na Comunidade. A súa morte supuxo a ruptura da tendencia rexistrada en Galicia desde o martes, día no que se contabilizara a última vítima do coronavirus.
Desta forma, o Sergas constata que desde o inicio da pandemia morreron 484 en atención hospitalaria e 132 dentro de residencias de maiores. Os anteriores días sen mortes atribuídas á pandemia en hospitais foron os pasados 29 de abril, 14, 18, 19, 25, 27, 28, 29 e 31 de maio.
A PRIMEIRA VÍTIMA, O 14 DE MARZO
A primeira vítima mortal deste virus rexistrouse o 14 de marzo, unha muller de 92 anos que se atopaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo. Nesa mesma xornada producíase tamén a morte dun home de 81 anos ingresado en Pontevedra e que deu positivo na proba de COVID-19.
Neses días, os primeiros da alerta sanitaria en Galicia, nos que a comunidade contaba con menos de 300 casos activos, houbo dúas xornadas nas que non se rexistrou ningunha morte hospitalaria, o 15 de marzo e o 17 de marzo.
A partir do 18, cando as vítimas mortais en Galicia ascendían xa a catro persoas, os hospitais da comunidade comunicaron falecementos todos os días, excepto en dez ocasiones se se ten en conta a desta mesma xornada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.