Por J.M. Montoro | Compostela | 01/07/2020 | Actualizada ás 14:27
Vigo, 2015. Pablo vive nun piso na Gran Vía e todos os domingos camiña pola rúas de Barcelona ou da rúa Zamora, para ir xantar á casa dos seus pais. Descobre como os baixos comerciais, mesmo nesa zona céntrica, van quedando baleiros. Empeza a pensar unha solución.
Verán do 2019. Esa solución está case pronta para saír ao mercado e revitalizar o pequeno comercio. Pablo acende o televisor e observa no telexornal unha folga de “riders” dunha das apps do momento en Barcelona. Pensa que a súa solución de proximidade debe dignificar o traballo de quen distribúe e afina a súa solución para incluír aos repartidores, para que non sexan “falsos autónomos”. A fins do 2019 nace DBarrio (https://dbarrio.com/) e algúns comercios empezan a sumarse á plataforma
Marzo do 2020. A plataforma suscitou interese en Vigo e nos concellos próximos. Queren estar incluídos no primeiro marketplace de proximidade galego, que xa saíu na TVG e tivo ata catro minutos en La Sexta. O novo coronavirus e a corentena obrigatoria puxo un cadeado en todos os comercios con atención ao público. Pablo observa como a súa solución crece e dá respostas a esgalla de comerciantes que grazas a dbarrio seguen operativas.
Soa o seu móbil e do outra banda chaman de Bocatería Papo’s. Pablo inmediatamente pensa en bocadillo Lourdes, aquel que lle quitou o apetito durante tantos xantares cando estudaba nos Maristas. Agora eran eles quen pedía adherirse á plataforma. Pablo recoñece que o “que nos escolleran ten un valor especial para min”.
Non sabemos aínda que final terá a historia de Pablo Sánchez e a súa startup DBarrio porque a película está en pleno desenvolvemento, con comercios adheridos xa non só en Galicia, senón en Cantabria, País Vasco, Castela-León e proximamente Estremadura e Madrid. Pero si sabemos que o inicio foi acelerado e cheo de convicción. Falamos con el en GC Emprende.
Cales crees que son as claves polas que os comercios deciden adherirse a DBarrio?
A primeira razón pola que nos elixen é a rendibilidade: a nosa comisión é do 5%, mentres outras empresas impoñen un 45%. E o segundo é que é un proxecto de apoio ao pequeno comercio e beneficia a outros actores sociais. E se con cada compra ademais axudamos a unha ONG local ou a unha asociación de comerciantes gañamos todos. En fin: máis limpeza, máis seguridade e máis vida nos barrios.
Eu cada vez vía máis repartidores de Amazon ou unha empresa similar, que non pagan impostos aquí ou pagan os mínimos e xeraban problemas cos repartidores. Pensei en como unha plataforma de comercio local contra a gran competencia podería asegurar que os repartidos estean en condicións dignas e que sexa o cliente final quen elixa ao repartidor.
Lanzastes a plataforma a fins de 2019, como impactou a irrupción do coronavirus no comercio de proximidade nestes meses?
Si, hai un momento concreto en que notamos o cambio: cando pasamos nós de chamar aos comercios para recibir as solicitudes de maneira pasiva e a necesitar xente para dar alta a todo interese. Influíron varios aspectos: o boca a boca, as portadas dalgúns xornais importantes e os resultados dos comercios dados de alta. Chamáronnos de norte a sur de España, ata o mediterráneo e as illas. Actualmente estamos falando con privados e públicos en poboacións moi distintas: Segovia, Talavera de la Reina, San Sebastián de los Reyes, San Lorenzo del Escorial, Irún. Ou tamén en Galicia nas zonas de Baiona, Gondomar, Salvaterra de Miño ou a Costa da Morte. Nisto axuda moito o traballo do técnicos comercio dos concellos.
Ademais da parte comercial, como entendes que pode contribuír un concello ao desenvolvemento do comercio pequeno?
É súper importante a concienciación das vantaxes do pequeno comercio. Un ás veces pensa en aforrarse uns euriños, pero a desaparición do pequeno comercio é un drama con fortes implicacións para todos. Moitas campañas institucionais están constantemente lembrando como isto che afecta. Eu sempre lle digo á xente: se o teu fillo non consegue traballo, como vai pedilo na panadería de enfronte se esa panadería xa non existe?
Como vos complementades con esas campañas?
Moitas persoas din “pois, vale, vou comprar ao pequeno comercio, pero como fago?”. Nós facemos unha plataforma exclusiva para eles, para que atopes fácil o que buscas. E, como é de proximidade, telo en menos tempo. En calidade, prezo e prazos o pequeno comercio é moi competitivo.
Que resposta tiveron dos usuarios finais?
Sorprendeunos moitísimo que isto non é un pequeno nicho de mercado. É unha parte importante da poboación, xente comprometida e preocupada pola súa contorna e pola calidade de vida. De nicho, nada. Por iso pensabamos que as vendas ían ser bastante inferiores. É un público esixente, que quere axudar, pero quere que llo poñan fácil e non ir de páxina en páxina por cada comercio.
Eu creo que tras o coronavirus todos vimos como o pequeno comercio foi dos primeiros en arriscarse para que todos teñan comida, por exemplo. Se tiña que pechar á unha da mañá para botar unha man e que todos teñan a súa carne, facíao.
Galicia ten máis de 30 mil núcleos poboacionais, que tan viable ou necesaria é unha iniciativa como esta nas localidades máis pequenas?
Véxoas moi necesarias. Nas aldeas hai quen pensa que isto ten máis sentido en cidades grandes, pero a esas aldeas tamén chega o Amazon. Pensemos o moito que compraría esa mesma xente -o pan ou a comida que queren, as especialidades da súa localidade- se tivesen ferramentas como dbarrio.
Ademais, co apoio dos concellos, os empresarios poden traballar unidos. Tiven unha reunión con 14 concellos da Costa de Morte á vez. Ou o acordo que fixemos no Val Miñor, no que os públicos e privados compartían sinerxias, mesmo ata facían que o transporte fose gratuíto. Que esas localidades se uniran para traballar connosco fala moito do potencial destas iniciativas.
Como avalías que será a futuro o rol dos servizos, como repartidores ou transportistas, que antes da pandemia eran pouco visibles e dun día para outro pasaron a soster a economía?
Creo que é un dos factores principais do éxito da plataforma e un punto capital da nosa filosofía: apoiar a hostalería local e que os nosos repartidores sexan autónomos de verdade. O usuario pode elixir prezos e prazas porque en dbarrio os repartidos teñen nomes e apelidos, xa sexan persoas ou empresas de repartición. Querémoslle poñer cara a esas tarefas. Ao final o repartidor é unha empresa máis e hai que dignificar a súa profesión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.