Santiago de Compostela reabre as instalacións deportivas municipais baixo un sistema de reserva previa

Esta semana reiniciarase a actividade nas pistas de atletismo do Estadio Verónica Boquete e a próxima abrirán os catro polideportivos e dous campos de fútbol municipais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/06/2020 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela iniciará esta semana a apertura progresiva das súas instalacións deportivas cun sistema de reserva previa e adaptando as medidas de seguridade ás normas da desescalda. Así o explicou este martes a concelleira de Deportes e Benestar Animal, Esther Pedrosa, que avogou por "ir recuperando aos poucos a normalidade" nestas instalacións.

Estadio Municipal Vero Boquete de San Lázaro
Estadio Municipal Vero Boquete de San Lázaro | Fonte: SDC.

Para iso, esta semana reiniciarase a actividade nas pistas de atletismo do Estadio Verónica Boquete, mentres que a próxima abrirán ao público catro polideportivos e dous campos de fútbol municipais.

Para empregalos, con todo, durante o mes de xuño funcionará un sistema 'a demanda', no que os usuarios terán que presentar unha solicitude de reserva do día e a quenda que queren empregar. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 15 de xuño e o formulario pode consultarse na web http://deportes.santiagodecompostela.gal/.

Os veciños poderán solicitar as instalacións un máximo de 90 minutos e deberán cumprir as normas de hixiene e distancia de seguridade. Para as pistas de atletismo, haberá tres quendas de luns a venres, mentres que os pavillóns e campos de fútbol terán tres quendas durante a semana e dúas máis o sábado.

Do mesmo xeito, Esther Pedrosa avanzou que, desde o luns, estarán xa dispoñibles para o seu uso as pistas semicubertas de pádel de Sar, tras o cambio no céspede artificial.

A concelleira tamén informou da posta en marcha durante o mes de xuño dun plan de formación deportiva orientado a persoal técnico e deportivo, que se desenvolverá en formato en liña e que analizará cuestións como a alimentación no deporte, o deporte na era post-COVID e a xestión dixital en comunicación deportiva. Haberá ata 1.200 prazas e será gratuíto.

BENESTAR ANIMAL

Noutra orde de cousas, a directora do Refuxio de Bando, Olalla García, informou da reactivación paulatina destas instalacións, que, a partir do próximo sábado, retomarán os seus "horarios habituais" de atención ao público, aínda que se funcionará con cita previa ata o 21 de xuño.

Así mesmo, os voluntarios poderán acudir desde o día 8, aínda que en quendas de tres persoas, que se irán incrementando nas seguintes semanas. As visitas de colexios e outros colectivos retomaranse, en principio, no mes de setembro, e a través de cita previa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta