A Xunta pide poder solicitar o voto por correo a través do sistema de clave autonómico e estatal

Insiste en demandar un plan similar ao de prisións para as residencias e que sexan válidas as peticións de voto CERA feitas para o 5 de abril.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2020 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

O Goberno galego remitiu á Xunta Electoral Central (JEC) un documento con alegacións referidas ao voto por correo e protocolos de votación para as eleccións do próximo 12 de xullo. Unha das súas principais demandas é que se acepte como válido o sistema autonómico 'Chave365' --un dos accesos da súa propia sede electrónica--, así como o sistema estatal 'cl@ve', para poder solicitar o voto por correo de forma telemática a través da páxina web de Correos.

A semana pasada a Xunta Electoral Central (JEC) aceptou que se puidese solicitar de forma telemática o voto por correo e especificou que debería facerse a través da páxina web de Correos --aínda está pendente, remarca, de ser habilitado-- e mediante un sistema cualificado de firma ou selo electrónico.

Neste contexto, a Xunta entende que debe admitirse tamén como método de identificación válido o sistema autonómico 'Chave365' e o sistema 'cl@ve' da Administración do Estado, en tanto "ambos son usados por moitas persoas". En concreto, apunta que "hai 200.000 persoas usuarias do sistema 'Chave365'".

Segundo a Xunta, habilitar ambos os mecanismos facilitaría o voto de todas as persoas que xa usan estas fórmulas, tendo en conta ademais que, pola situación actual, pode resultar máis dificultoso que as persoas se acrediten nun novo sistema de firma electrónica, que require de cita presencial nunha oficina habilitada para o efecto.

A Xunta ofrece a súa total colaboración a Correos para implementar os mecanismos técnicos necesarios para utilizar o sistema de firma electrónica 'Chave365'.

PROTOCOLO PARA OS CENTROS DE MAIORES

Na liña co que xa anunciara na presentación do protocolo con medidas de seguridade para o 12J, na súa comunicación á Xunta Electoral Central, a Xunta reiterou a súa petición de establecer un protocolo específico de voto por correo para os centros de maiores, similar ao que se emprega en centros penais.

Desta forma, os directores ou xerentes das residencias poderían solicitar que un funcionario se desprace cos impresos de solicitude necesarios para que sexan cumprimentados alí mesmo polos usuarios que queiran votar. Posteriormente, o funcionario de Correos entregaría persoalmente os sobres e papeletas ás persoas que o solicitasen e que, á súa vez, farían entrega do seu voto de forma persoal. O persoal de Correos encargaríase de facelos chegar ás mesas correspondentes.

Do mesmo xeito, a Xunta demanda que se habilite tamén un protocolo específico para as persoas maiores de 65 anos, con síntomas, en illamento domiciliario, en corentena ou hospitalizadas, de forma que, despois de solicitar o voto polos medios que se habiliten, sexa o funcionario de Correos o que se desprace aos seus domicilios para entregar a documentación e recoller o voto.

VOTO APODERADO E SUFRAXIO CERA

Do mesmo xeito, incidiu na súa petición de que se facilite o voto por correo por medio de apoderado a través da habilitación dun sistema de videoconferencia para que se poida realizar este procedemento a través da plataforma segura da que xa dispoñen os Colexios oficiais de Notarios.

Ademais, solicita que as persoas maiores de 65 anos poidan empregar esta fórmula de voto sen necesidade de presentar o certificado médico que esixe a Lei Orgánica de Réxime Electoral.

Por último, a Xunta reafirmouse na súa demanda de que se entendan como válidas as solicitudes do voto CERA formuladas para as eleccións de 5 de abril, do mesmo xeito que se fixo --indica-- coas eleccións xerais do 10 de novembro de 2019.

Colexio electoral galego. Foto de arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo
Colexio electoral galego. Foto de arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se Clave365 é válida para realizar a Declaración da Renda, tamén debera ser válida para solicitar o voto por correo ! En canto aos carteiros e carteiras que me traen ao domicilio as multas gubernativas para que asine dixitalmente o Recibí... supoño que serán tamén de fiar para levar o meu voto a unha urna ? Ou pensa Goretti Sanmartín que os carteiros non son xente de fiar e os "interventores das mesas" son máis de fiar que os carteiros ? Nótese que todo este lío vén da man dun Goberno Autoritario que leva 80 días gobernando baixo estado de alarma permanente e que está a levar a democracia cara unha Ditadura Dixital e Telemática INDECENTE !