Comeza a batalla legal dos familiares de anciáns mortos: "hai responsabilidades de altos cargos da Xunta"

DomusVi, Sarquavitae e tamén a Consellería de Política Social estarían dentro das accións legais que presentarán familiares de usuarios de residencias para maiores. Acusacións de neglixencia, de impedir levar parentes aos hospitais, acusacións de non realizar probas PCR para detectar a COVID-19 a usuarios e ameazas a traballadoras e traballadores. Todo isto e máis forma parte dun proceso que podería tardar meses en recoller todas as probas e comezar o seu curso.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/06/2020 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

“Tormenta perfecta” foi a definición que lle deu un familiar ao que sucedía dentro das residencias privadas para maiores. Ademais das queixas por neglixencias e desatención aos maiores usuarios en ditos centros, sumouse a partir de marzo deste 2020 a COVID-19. Esta doenza foi especialmente virulenta contra as persoas maiores. Isto fixo que a Xunta interviñese dúas residencias, a de Aldán en Cangas do Morrazo de titularidade privada e a de Barreiro en Vigo, tamén de titularidade privada.

Residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago
Residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago | Fonte: DomusVi

A empresa obxecto de todas as queixas, propietaria e xestora destas residencias, é DomusVi que contaba ata o de agora con todas as louvanzas da Xunta de Galicia, premios incluídos.  Agora os familiares e traballadores de DomusVi piden a cabeza da súa responsable en España, Josefina Fernández Miguélez, ademais de acusar ao goberno galego de inacción e neglixencia durante toda a crise do coronavirus.

INCUMPRIMENTOS DE CONTRATO

Os xulgados de Cangas recibirán dúas denuncias polo penal despois da morte dunha residenta en Aldán e por desatención a outra usuaria que xa non está nesas instalacións. Existen máis accións como a que se presentará contra a residencia de Matogrande na Coruña ou a máis destacada, a de familiares da residencia San Lázaro en Santiago de Compostela, tamén dentro do grupo DomusVi, como as anteriores. Xunto a isto haberá tamén demandas polo civil ante incumprimentos de contrato por parte das residencias.

“Todo isto levará meses ata que poidamos reunir nunha soa peza a maioría de demandas” explica Antón Pérez-Lema, avogado que representa a numerosos familiares de usuarios. Este cúmulo de demandas será aplicado contra as diferentes xestoras das residencias, porque ata a chegada de DomusVi, foron varias empresas e fondos de especulación os que investiron no sistema de residencias agora cuestionado.

Residencia DomusVi Aldán, en Cangas
Residencia DomusVi Aldán, en Cangas | Fonte: DomusVi

“As empresas de capital especulativo mercaron pequenas residencias que eran empresas familiares dirixidas por especialistas e que estaban implicadas na economía local” sinala Pérez-Lema. O desembarco dos fondos de investimento foi acabando con este tipo de negocio. Así pasouse a unha maximización de prezos e control de gastos. Isto implicou recortes de persoal, servizos e unha baixa “moi acusada” na calidade do servizo.

Esa baixa implicou en moitos casos a falta de subministración de medicinas ás persoas usuarias. Este punto será contestado “como dixo a directora da residencia de Aldán que eles non son un centro hospitalario” deduce Pérez-Lema. Mais os contratos asinados segundo explica o avogado, comprometen a asistencia médica preventiva e asistencial. O letrado coruñés resalta tamén “a cláusula abusiva de que cada usuario tivese un avalista solidario” en caso de ter que a residencia tivese algo que reclamar. Desde 2015 as contratacións en Geriatros, agora dentro de DomusVi, implicaban un exame médico dentro do contrato.

CASO SAN LÁZARO

A residencia de San Lázaro en Santiago de Compostela, foi unha das máis afectadas  pola COVID-19. Cando se rexistrou o primeiro caso nesta residencia a mediados de marzo de 2020, esta persoa infectada foi trasladada ao segundo andar da residencia. A dirección aillou todo o segundo andar, como explica Javier, familiar dunha usuaria de San Lázaro, “o caso foi detectado no CHUS, devolvérono á residencia, illaron todo o segundo andar onde non había contaxios”. A operación “foi vendida como unha acción  resolutiva e axeitada, como un éxito”. Todo o segundo andar quedou contaxiado.

Máis da terceira parte das persoas ingresadas en San Lázaro-DomusVi, “morreron e chegaron aos 100 contaxios”. Mentres isto sucedía, as residencias de Aldán e Barreiro, tamén do mesmo grupo foron intervidas pola Xunta, San Lázaro non. Pérez-Lema deduce que a non intervención podería ter, entre outras explicacións que “a residencia integrada de Porta do Camiño estaba a menos de dous quilómetros”, por tanto podían desprazalos en pouco tempo.

“Solicitabamos as probas PCR para os nosos familiares, mais un día dicían que si o farían e para o outro negábanse” di Javier que engade “o médico (da residencia) colgoulle o teléfono a un familiar que pedía o test para un usuario”. Unicamente cando se fixeron os tests masivos foi cando se soubo da dimensión real do problema.

Postos en contacto con DomusVi, desde o gabinete de prensa responden que "as familias están puntualmente informadas do que acontece nos centros e o estado de saúde dos seus parentes", ademais de que "teñen contacto diario por teléfono e vídeochamada, isto foi así desde o comezo da crise".

Unha serie de correos electrónicos enviados por familiares pedían á Consellería de Política Social pedían a intervencións de  DomusVi-San Lázaro. As respostas pasaron por unha circular da dirección desta residencia asegurando que se derivaran casos ao CHUS e á clínica La Rosaleda, por non ser San Lázaro un centro sanitario. Ademais diso, nese correo a dirección do centro sinalaba ao SERGAS por non telos informados. “El lunes (23 de marzo) no tenemos ninguna llamada, ni ninguna propuesta o soporte por parte del Sergas. Así hasta el miércoles 25 de marzo, en que la dirección llama a Gerencia del área de Santiago pidiendo una presencia urgente en el centro dada la gravedad de la situación, pues los casos seguían aumentando”.

A Consellería de Política Social responde que a Xunta deu prioridade aos centros de maiores e de atención á discapacidade. "Testáronse o 100% dos usuarios e profesionais das residencias. Puxéronse en marcha centros integrados para atender a usuarios contaxiados antes que noutras comunidades autónomas, que despois seguiron este exemplo".

A INTERVENCIÓN FUNCIONOU

Antón Pérez-Lema cre que houbo inactividade por parte de Política Social e que isto “posibilitou a falta de prevención” nos centros de maiores. O estudo do comportamento tanto dos centros e da administración autonómica (con todas as competencias sanitarias transferidas) derivaron nunha actitude irresponsable das autoridades públicas e das institucións privadas para frear a COVID-19 nas residencias.

Con todo, o mesmo avogado sinala que desde o SERGAS houbo ocasións en que se impedía o ingreso de enfermos en centros hospitalarios e que “eran derivados ás residencias integradas (Porta do Camiño e Baños de Molgas) ou aos andares hospitalizados dentro das residencias”.  É por isto que “podemos entender que hai responsabilidades en canto cargos da Xunta por falta de prevención e de persoas eventualmente responsables do SERGAS por impedir tratamentos axeitados”.

Tanto familiares como os seus representantes defenden que a intervención de centros privados ou con xestión privada, foi a mellor solución. “O Consorcio Galego de Benestar sumou cero positivos, houbo clínicas privadas que non tiveron positivos porque desde o primeiro momento aplicaron medidas de prevención” di Pérez-Lema. A deducción para letrado e familias é neglixencia por parte das autoridades públicas e das entidades privadas.

“Despois de varios emails á Dirección Xeral de Maiores e vendo que non hai resposta, chamei a esa Dirección Xeral para falar co director xeral, Ildefonso de la Campa, quen di que os emails eran ameazantes” di Javier. Outro punto que corroboraría as presuntas neglixencias de Política Social sería que desde a dirección de DomusVi San Lázaro se culpaba de todo “ao SERGAS por impedir levar enfermos ao hospital, cando foi o SERGAS quen impediu que houbese máis mortes”.

Pola súa banda, Domus Vi explica que se seguiron "os protocolos" e Política Social que, desde o primeiro momento da crise sanitaria, "os esforzos centráronse nun ámbito de alto risco como son as residencias de maiores e persoas con discapacidade". En todo, caso e, tras o acontecido, se anuncia unha revisión do modelo de residencias.

Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores
Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores | Fonte: xornalgalicia.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Ana

Nos con estado de alarma e con bozal/mascarilla obrigatorio e coa economía arruinándose e mentras informadevos do que esta pasando en outros paises. Mirade en youtube o video co titulo seguinte: "Ginebra sede de la OMS. Sin mascarillas sin virus"

1 Ailalelo

Le un libro, deixa os vídeos conspiranoicos do Youtube, magufa

1 Gamela

Os galegos somos xente seria, cos mortos non se xoga ! https://twitter.com/00Gamela/status... Agardamos que Pérez-Lema faga ben o seu traballo e que vítimas e familiares acaden a xustiza que merecen !!! Adiante toda axuda será pouca !!!

1 Gamela

Se o problema real fose a pandemia non estarían reducindo prazas no Sergas ! https://twitter.com/00Gamela/status... Nin estarían a pensar nas vacacións e na reactivación do turismo, mentras nos teñen a todos baixo estado de alarma !