Galicia En Común comprométese a crear unha "mesa permanente" co sector cultural

A coalición reivindica que a CRTVG funcione como "principal vía de difusión dos produtos culturais galegos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2020 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

A coalición Galicia En Común-Anova Mareas comprometeuse a crear unha "mesa permanente" co sector cultural orientado a "garantir condicións de vida dignas" para os traballadores e que Galicia conte con "unha produción cultural propia de calidade" que se apoie na CRTVG para a súa difusión.

Así o expresou a candidata número dous pola Coruña da coalición Luca Chao tras manter este xoves unha reunión telemática co presidente da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), Pablo Fontenla.

Chao criticou o plan de reactivación cultural presentado pola Xunta, xa que o considera "unicamente centrado no turismo" e o atopa "baleiro de contido, disfrazando o que xa existía" e carente de "novas partidas orzamentarias".

"O sector padece unha situación dramática. As traballadoras e traballadores da cultura son dos que están a pagar máis directamente as consecuencias da crise sanitaria, tendo en conta que tivo que ser cancelada a inmensa maioría das actividades culturais do país debido á pandemia", incidiu a deputada de Común da Esquerda.

Por iso, comprometeuse a que, se En Común alcanza o Goberno da Xunta tras as eleccións autonómicas do 12 de xullo, articulará unha mesa para explorar melloras nas condicións de vida dos traballadores do sector.

Neste sentido, considera que a Corporación Radio Televisión de Galicia, como ente público galego, debe xogar un papel especial na produción cultural de Galicia. "Non pode ser que a radiotelevisión pública de Galicia non sexa a principal vía de difusión dos produtos culturais galegos", concluíu.

A candidata de Galicia en Común Luca Chao nunha videoconferencia co presidente da asociación CREA, Pablo Fontenla. EN COMÚN
A candidata de Galicia en Común Luca Chao nunha videoconferencia co presidente da asociación CREA, Pablo Fontenla. EN COMÚN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A Mesa do Bar (?) Pagarán as cervexas e gracias ! Cultura de Corredoira a prezos populares, e se non lles bailas a conga, fóra !!!